Sae a licitación o gran proxecto de reurbanización da Praza do Concello, rúa Cervantes e rúa Gran Vía de Carballo

1 minutes read

Este mércores deuse un paso definitivo para transformar o corazón de Carballo. Saíu a licitación o gran proxecto de reurbanización da Praza do Concello, rúa Cervantes e rúa Gran Vía, cun investimento de 1,88 millóns de euros (cofinanciado con fondos europeos FEDER dentro do proxecto «Carballo a man»).

Que vai cambiar?

  • Máis accesibilidade: plataforma única, sen bordillos nin desniveis. Prioridade peonil!
  • Máis verde: plantaranse 42 novas árbores para crear zonas de sombra e regular a temperatura.
  • Mellores servizos: renovación total do pavimento (granito antiescorregadizo) e das redes de auga, saneamento e iluminación eficiente.

Un espazo máis amplo para a feira:

O proxecto inclúe a demolición da antiga cafetería (aberta en 1990 e sen uso desde 2019). Os graves problemas de accesibilidade do edificio, insalvables segundo a normativa actual, facían imposible darlle un novo uso. Con esta medida, gáñase unha gran zona diáfana para o desfrute veciñal e para potenciar o mercado ambulante.

As empresas interesadas teñen de prazo ata o 22 de xuño para presentar as súas ofertas. O prazo de execución será de 9 meses.