Santiago aproba o proxecto para a construción do Centro Integral para a Inclusión Social en Belvís


A Xunta de Goberno local aprobou este luns o proxecto de execución do Centro Integral para a Inclusión Social no entorno do Parque de Belvís cun orzamento de 835.142 €. Tamén se acordou a contratación do servizo de redacción do Proxecto Básico e de Execución e Dirección de Obra para a realización de obras de mellora no interior do Pazo de Raxoi. O alcalde deu conta deste e doutros asuntos tratados en Xunta de Goberno nunha rolda de prensa que tivo lugar esta maña.

O proxecto de execución do Centro Integral para a Inclusión Social foi elaborado polo estudio de arquitectura ARQUITAV ARQUITECTOS e contará cun orzamento total de execución material de 835.142 € (Orzamento de Execución Material + I.V.E) para a súa execución nun prazo de 8 meses.

O alcalde explicou que o novo centro “estará ubicado no parque de Belvís, nun dos edificios de titularidade municipal que actualmente está en desuso” e que acolleu o Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC). “A superficie total construída será de 1.152 m2 que serán adicados a este centro de servizos para atención e fomación de persoas en risco de exclusión social”.

Esta actuación pretende recuperar a imaxe orixinal das edificacións e alterar o mínimo posible a aparencia do conxunto para mellorar a integración na contorna. En canto aos edificios en ruínas, reconstruiranse recuperando a forma e altura orixinais. Estes volumes manterán a súa composición exterior, polo que quedará a pedra vista. Recupéranse os ocos en fachada e ábrense novos ocos na cuberta para garantir a iluminación das estancias superiores.

No exterior, a actuación céntrase en conectar todos os accesos para asegurar a mobilidade entre todas as edificacións. Para iso, realizaranse obras encamiñadas a eliminar barreiras arquitectónicas, modificando o terreo para adaptalo ás cotas dos accesos. Serán maioritariamente zonas verdes con senllas de conexión de laxas de pedra. Desta forma, a imaxe arquitectónica final será unha reprodución dos edificios primitivos. Consérvase a imaxe exterior dos volumes previamente rehabilitados, que están revestidos e pintados de cor branca, e manteranse os ocos actuais polo que a distribución interior adaptarase a eles.