A asociación Vieiro puxo en marcha unha nova unidade didáctica centrada na prevención do consumo de vapeadores co alumnado de 1º de ESO, baixo o título «Sen Filtro». A iniciativa, que levou a cabo no CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco, incluíu unha charla formativa na que se abordaron os riscos asociados ao uso de cigarros electrónicos e outros dispositivos de vapeo.
Esta nova ferramenta educativa nace co obxectivo de responder a unha realidade cada vez máis presente entre a mocidade, proporcionando información actualizada e rigorosa sobre os efectos que estas substancias poden ter na saúde. A través de contidos adaptados á idade do alumnado, a unidade didáctica fomenta a reflexión crítica e a adopción de hábitos de vida saudables.
Durante a sesión, analizáronse cuestións como a composición dos vapeadores, a presenza de nicotina e outras substancias potencialmente adictivas, os riscos para a saúde, a influencia da publicidade e as redes sociais na normalización do seu consumo, etc.
A unidade didáctica «Sen Filtro» combina información, debate e participación activa, buscando que os mozos dispoñan de ferramentas para tomar decisións informadas e desenvolver unha actitude crítica ante este fenómeno emerxente.
A unidade didáctica incorpórase á programación preventiva que Vieiro desenvolve nos centros educativos, co obxectivo de ofrecer ao alumnado información adaptada á realidade actual do consumo de vapeadores.