“Sol x Ciencia” chega a Razo con Begoña Nicolás e Borja Tosar e continuará con novas propostas en agosto

3 minutes read

Coa vista posta na histórica eclipse do vindeiro 12 de agosto, o Concello de Carballo continúa co desenvolvemento de Sol x Ciencia, un programa de divulgación científica deseñado para dotar á cidadanía de ferramentas de análise, rigor e coñecemento seguro ante un dos fenómenos astronómicos máis importantes da década.

Inspirado no modelo de democratización da ciencia do festival Pint of Science, o ciclo traslada o debate científico fóra dos laboratorios. O propio nome da campaña, Sol x Ciencia, sintetiza este espírito: por un lado, a maxia do solpor (hora na que darán comezo as sesións); polo outro, a “x”, que representa a variable, a incógnita matemática e o método de procura de respostas que define á ciencia.

As sesións —enmarcadas na European Researchers’ Night— abordarán o comportamento do noso sistema solar e os seus efectos sobre a Terra a través de diversas disciplinas científicas. O desenvolvemento é moi semellante ao do festival de maio, con dúas charlas breves e asequibles en cada xornada, xogos e sorteos, nun ambiente distendido como é o do bar.

De Baldaio a Razo

A primeira xornada do ciclo, celebrada no Camping Baldaio coas intervencións de Isabel Lema Gesto (USC) e César González García (CSIC), foi un éxito de público e participación, con máis de medio cento de persoas interesadas en aprender a protexer a súa saúde ocular e a descubrir a historia das eclipses na cultura humana.

A segunda cita do ciclo terá lugar este mércores, 29 de xullo, ás 20:30 horas no Terra Bar de Razo, cunha lixeira modificación no seu cadro de relatores:

  • Begoña Nicolás Ávila, profesora de Astronomía e Astrofísica e Matemática Aplicada na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e especialista en Mecánica Celeste.
    • Relatorio: Cando un aliñamento dos astros non é suficiente. Abordará o fenómeno dende un punto de vista matemático e físico, desvelando os complexos cálculos, as órbitas e as variables xeométricas exactas que fan posible que a Lúa oculte o Sol.
  • Borja Tosar, astrofísico, divulgador científico e comunicador habitual en medios de comunicación, especialista na divulgación da astronomía observacional e a exploración espacial. Substitúe a Óscar Blanco, que non pode achegarse a Carballo na data prevista inicialmente, pero que estará entre nós nos vindeiros días.
    • Relatorio: Como experto comunicador e observador do ceo, guiará ao público nos aspectos clave, curiosidades e pautas prácticas para entender e desfrutar visualmente dun evento astronómico único que tardará décadas en repetirse.

Continuidade no mes de agosto

Este ciclo forma parte do Proxecto Talento km0 (TALK0), coordinado pola Concellaría de Innovación do Concello de Carballo co financiamento da Unión Europea. Cun enfoque rigoroso pero accesible, Sol x Ciencia reivindica o rigor científico e o pensamento crítico como ferramentas clave para que a poboación poida comprender, gozar e documentar de forma segura a eclipse solar.

Ademais, dende a organización anúnciase que “Sol x Ciencia” continuará durante o mes de agosto con novas propostas e actividades arredor do fenómeno astronómico e doutros campos da ciencia. Os detalles e as datas concretas daranse a coñecer nos vindeiros días.