Supervisado desde Fisterra o funcionamento do servizo de Socorristas na Costa da Morte 

2 minutes read

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto ao alcalde de Fisterra, Luis Ínsua, visitou este martes a praia de Langosteira, para supervisar o funcionamento do servizo de Socorristas que conta co apoio da Xunta, concretamente, a este Concello lle permitiu contratar a dous socorristas.

Estes apoios son posible grazas á orde de axudas da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes para financiar a contratación de socorristas por parte dos concellos que ten obxectivo garantir a seguridade nas praias, piscinas ou outras instalacións acuáticas descubertas durante os meses de verán.

A Xunta destina 1,5 millóns de euros a 186 concellos ou mancomunidades beneficiarios en Galicia. Por provincias, A Coruña con maior número de zonas de baño recibe a maior contía de axudas por un importe total de 530.000 distribuídas entre 56 concellos. A delegada da Xunta informou que na comarca de Bergantiños e Costa da Morte, contaron con estes apoios 11 concellos por un importe total de preto de 111.000 euros.

A representante do Goberno autonómico explicou que estas subvencións concédense en réxime de concorrencia competitiva, para a prestación do servizo de vixilancia, rescate e salvamento nos espazos acuáticos naturais ou instalacións acuáticas descubertas de titularidade municipal no período entre o 1 de xuño e o 30 de setembro. Con estas axudas, o Goberno galego busca fomentar a prestación do servizo de socorrismo por parte dos municipios nas épocas de maior concorrencia.

As axudas destínanse a financiar tanto ao persoal propio da entidade local como ás persoas que o concello contrate para estas tarefas a través dunha empresa externa mediante un contrato de servizos que, neste segundo suposto, deberán ser persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupadas. En ambos casos, as persoas destinadas á prestación dos servizos de vixilancia, rescate e salvamento deberán estar inscritas, antes do período subvencionable, no Rexistro Profesional do Persoal de Socorrismo, Información e Primeiros Auxilios de Galicia. Actualmente constan inscritos neste rexistro máis de 4.800 profesionais.

Na concesión das achegas tivéronse en conta criterios como o número de zonas de baño inscritas no Rexistro de Augas de Baño de Galicia, a adhesión ao Plan específico de salvamento en praias de Galicia (Sapraga) en 2025, a poboación total da entidade local segundo o padrón municipal publicado no Instituto Galego de Estatística (IGE), o número de bandeiras azuis concedidas ás praias da entidade local en 2025 ou contar con declaración de municipio turístico galego.

Así, pese a que a vixilancia de praias e lugares públicos de baño e o seu mantemento compete aos concellos, a Xunta contribúe a fomentar a prestación deste servizo non só con estas axudas para a contratación, senón tamén coa oferta de cursos de formación para incrementar o número de profesionais na nosa comunidade.