Os presidentes de Estados Unidos e Ucraína, Volodímir Zelenski e Donald Trump, reuníronse este sábado en Roma antes do funeral do papa Francisco, ao que ambos os mandatarios asisten, segundo declarou á axencia pública ucraína de noticias o portavoz de Zelenski, Serguí Nikíforov. O encontro entre ambos os líderes prodúcese no medio de intensos contactos de Washington con Kiev e Moscova para buscar unha saída negociada á guerra en Ucraína.
Esta xuntanza dase despois de que o presidente dos Estados Unidos falase á súa chegada da posibilidade dun alto o fogo no conflito entre Rusia e Ucraína. Trump afirmou que Rusia e Ucraína atópànse «moi preto» de alcanzar un acordo de cesamento das hostilidades.
Foi «un bo día de conversacións e reunións con Rusia e Ucraína. Están moi preto dun acordo e agora ambas as partes deberían ter unha reunión a un alto nivel para alcanzalo», publicou Trump na súa rede Truth Social pouco despois de aterrar en Roma para o funeral do papa Francisco, referíndose á xuntanza de onte entre os negociadores dos Estados Unidos co Kremlim.
De confirmarse, supoñería un xiro significativo nun conflito que se prolonga por máis de tres anos e que causou unha devastación grande en Ucraína.
A suposta proximidade do acordo non ten unha data precisa, pero a declaración de Trump suxire que as negociacións poderían estar nunha fase crucial.
Posteriormente o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump; o de Francia, Emmanuel Macron, e o de Ucraína, Volódimir Zelenski, sentaronen primeira liña no funeral do papa Francisco na praza de San Pedro.
A asignación dos asentos non é casual, senón que segue un estrito protocolo que se establece por orde alfabética dos países en francés. Con todo, a colocación dos bancos na praza vaticana fixo que Zelenski tamén estivese en primeira fila a pesar de que Ucraína (‘Ukraine’) está lonxe de Estados Unidos (‘Etats-Unis’) no alfabeto.