UCIN Galicia denuncia o abandono sanitario da Costa da Morte

2 minutes read

UCIN Galicia denuncia o que considera un novo episodio de discriminación territorial por parte do Goberno galego ao excluír á Costa da Morte da ampliación de recursos de emerxencias sanitarias anunciada pola Xunta.
Mentres o Barbanza contará cunha nova ambulancia medicalizada permanente a partir do 1 de xullo, Sanxenxo recibe reforzos especiais para a tempada estival e Moaña incrementa de forma notable a cobertura dunha SVAE, a Costa da Morte continúa sen resposta a unha demanda histórica que afecta directamente á seguridade e á vida dos seus veciños.
O coordinador de UCIN Galicia, José Luis Calo, cualificou esta decisión como «unha mostra máis do absoluto abandono institucional que sofre a Costa da Morte».
«Non podemos aceptar que existan galegos de primeira e galegos de segunda. A Xunta de Alfonso Rueda está demostrando cos feitos que hai territorios prioritarios e outros aos que simplemente deixa atrás. A Costa da Morte leva anos reclamando unha ambulancia medicalizada e a resposta segue sendo o silencio», afirmou Calo.
Desde UCIN Galicia lembran que a comarca rexistra de maneira recorrente accidentes de tráfico graves, sinistros agrícolas, emerxencias simultáneas e situacións críticas nas que cada minuto resulta decisivo para salvar vidas.
«Aquí non estamos falando de privilexios nin de política. Estamos falando de asistencia sanitaria e de igualdade. Cando unha persoa sofre un infarto, un accidente grave ou un traumatismo severo, o tempo marca a diferenza entre vivir ou morrer. E os veciños da Costa da Morte non poden seguir dependendo da sorte nin da distancia», engadiu o responsable de UCIN Galicia.
A formación considera especialmente grave que a Xunta xustifique a falta de recursos na comarca mentres anuncia novas dotacións para outras zonas de Galicia.
«O argumento de que non hai recursos queda completamente desmontado. Recursos hai. O que falta é vontade política para destinalos onde realmente son necesarios. O Goberno de Alfonso Rueda debe explicar por que a Costa da Morte segue quedando fóra unha e outra vez das prioridades sanitarias da Xunta», sinalou Calo.
UCIN Galicia fai un chamamento aos alcaldes e alcaldesas da comarca para que actúen con unidade e esixan de forma firme unha solución inmediata.
«Xa non valen comunicados nin promesas. É o momento de defender con contundencia os intereses da Costa da Morte. A cidadanía merece respecto, merece igualdade e merece unha cobertura sanitaria digna», concluíu.
UCIN Galicia reclama á Xunta a implantación urxente dunha ambulancia medicalizada para a Costa da Morte e advirte de que continuará apoiando todas as reivindicacións cidadás ata que a comarca conte cos recursos sanitarios que lle corresponden.