Un home resultou ferido en Cee logo de envorcar o tractor que manexaba cando traballaba nunha leira

1 minutes read

O ferido, que non foi preciso excarcerar, foi trasladado ao Hospital Virxe da Xunqueira. Ata o lugar desprazouse un helicóptero do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 co seu equipo a bordo, sen embargo, o ferido tras ser estabilizado polos profesionais sanitarios puido ser evacuado nunha ambulancia.

Ao fío das cinco e media da tarde deste xoves, un particular indicaba ao 112 Galicia que estaban traballando nunha finca en Gures, na Ameixenda, no Concello de Cee e envorcara un tractor, quedando o condutor atrapado baixo o vehículo agrícola. Engadía, ademais, que a persoa non respondía e que o vehículo podía estar perdendo combustible.

Con estes datos, os xestores do 112 Galicia puxeron os feitos en coñecemento do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e dos Bombeiros de Cee que cando chegaron, confirmaron que non era preciso o uso de material de excarceración posto que a persoa xa estaba sendo atendida polo persoal sanitario para ser trasladado en ambulancia. Igualmente, os xestores de emerxencias pasaron aviso do suceso á Garda Civil e aos efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.

Con todo, os Bombeiros procederon a revisar o vehículo que envorcara nun terraplén e indicaron que non presentaba perigo, polo que daban por finalizada a súa intervención.

Así mesmo, o indicaron os efectivos de Protección Civil, que confirmaron que non houbo fuga de combustible e que os mesmos propietarios encargábanse da retirada do tractor coa axuda da súa maquinaria.