- No establecemento colgaron varias pancartas destacando que «non busquen culpables donde non os hai»
A localidade de Vimianzo segue á cabeza dos municipios da Costa da Morte con máis contaxios por coronavirus. Segundo a administración local, este xoves o número de casos activos é de 138.
Algúns veciños consideran necesario saber cantos deses contaxios se corresponden coa residencia de maiores DomusVi que, lembremos, fai case dúas semanas se posicionaba como o centro para persoas maiores con máis casos activos de toda Galicia.
Pero esta necesidade de datos non responde exclusivamente á unha actualización real da información, senón a un problema que xurdiu fai uns días na localidade vimiancesa por algunhas queixas veciñais sobre o incumprimento das normas de varios café bar cantante, tamén coñecidos como locais de alterne.
O propio Concello decidiu tomar cartas no asunto reforzando os controis policiais e mesmo comunicándolle a situación á Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade por un posible problema de saúde pública.
Este xoves, as redes sociais de varios habitantes de Vimianzo mostraban unha imaxe na que se ven varias pancartas nun dos locais afectados, e nas que se pide «respecto». Ademais, sinalan que «non se deben buscar culpables onde non os hai», en referencia aos rumores que apuntan a estes establecementos como posibles focos de contaxio.
Non hai datos oficiais sobre estas novas, polo que algúns veciños consideran que se trata de bombas de fume coas que intentar quitarlle peso aos casos da residencia DomusVi, o verdadeiro brote desta nova onda de contaxios en Vimianzo.