Trátase dunha viaxe organizada pola Concellería de Servizos Sociais. Roquetas de Mar é o punto de pernocta, onde tamén aproveitan para gozar do tempo libre nas instalacións do hotel e nos arredores. Acompañan aos viaxeiros o alcalde, Eduardo Parga, e a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco.
A aventura comezou o luns, facendo varias paradas ata pasar a noite en Ciudad Real, e o martes xa puideron desfrutar da primeira tarde libre no hotel.
O mércores tocou descubrir a beleza de Cabo de Gata e da Isleta del Moro. Polo camiño coñeceron curiosidades da flora autóctona, como a pita, da que sae o sirope de agave… e tamén o tequila! Chamou especialmente a atención a espectacular flor da pita, que pode tardar anos en aparecer e florece unha soa vez antes de morrer.
Xa en Cabo de Gata, o grupo quedou abraiado coas paisaxes volcánicas, o azul intenso do mar e lugares tan especiais como o Mirador das Sirenas, un deses sitios que obrigan a parar, mirar… e sacar foto. A visita continuou na tranquila Isleta del Moro, un pequeno pobo mariñeiro con encanto que conquistou a todos os presentes.