- A Fundación Brandomil recibiu unha distinguida comitiva do departamento de Historia da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) con sede en A Coruña.
O xacemento romano, así como o resto de elementos patrimoniais de Brandomil, recibiron a visita dun selecto grupo de doutores, historiadores, profesores e investigadores da UNED de A Coruña, encabezados pola Catedrática e doutora María Josefa Loira Enríquez.
O director arqueolóxico Lino Gorgoso, e o secretario xeral da Fundación Brandomil, Enrique Eduardo Iglesias, foron os encargados de levar a cabo a visita guiada desta comitiva da UNED. As impresións dos visitantes foron bastante boas manifestando o “serio traballo que se está facendo nestas intervencións arqueolóxicas” e “prometemos volver máis veces para seguir a evolución deste prometedor xacemento”.
O percorrido da visita comezou na Oficina de Información Cultural-Turística, “Brandomil. Porta romana da Costa da Morte” que a Fundación Brandomil ten na área de lecer da Ponte Vella, onde xa se puido contemplar un pequeno documental, a vista de paxaro, da situación dos distintos elementos que configuran esta variedade arqueolóxica, tanto en etapas seculares como en tipos de inmobles arqueolóxicos.
Hai que constatar que tamén se fixo referencia durante o percorrido da visita a presentación do relatorio, “Brandomil. Villa romana del Occidente”, por parte do membro do Consello Asesor da Fundación Brandomil Lino Gorgoso, no VIII Congreso Internacional de la Sociedad de Estudios de la Cerámica Antigua en Hispania (SECAH), celebrada en Ourense e Lugo na pasada semana. Esta acción, na que se expuxeron parte da gran variedade de cerámica romana atopada nas distintas intervencións arqueolóxicas feitas en Brandomil nestes últimos anos, así coma as probas que se lle aplicaron sobre elas por parte dos laboratorios do INCIPIT-CSIC, foi comentada e explicada coas situacións in situ dos lugares dos achados máis importantes e a súa relevancia no entendemento da vida diaria da poboación de Brandomil de fai dous milenios.