O Concello de Carballo acolleu a presentación oficial do II Torneo Internacional de Veteranos (+35) “Costa da Morte”, unha cita deportiva de primeiro nivel pero que, por riba de todo, destaca polo seu profundo carácter solidario.
O club de veteranos carballés Cances CF dá un paso adiante organizando esta importante cita, que foi presentada formalmente nun acto que contou coa participación do alcalde de Carballo, Daniel Pérez; o concelleiro de Deportes, Daniel Barreiro; a presidenta do club, Yolanda Duarte, e Noelia Garrido, nai de Daniela, a “princesa Rett” que inspira esta causa.
“Carballo sempre responde cando se trata de axudar, e este torneo é o exemplo perfecto de como o deporte pode transformarse nunha ferramenta marabillosa de apoio social e de visibilización das enfermidades raras”, manifestou Daniel Pérez.
Pola súa banda, o concelleiro de Deportes puxo en valor o traballo de organización do club local, que se traduce “nun cartel internacional de tanto nivel”, pero tamén felicitou ao Cances por “facer partícipe a toda a comarca dun evento que une os valores saudables do fútbol coa mellor das causas solidarias”.
Un cartel de luxo con 12 equipos
O torneo contará cun cartel de luxo conformado por doce equipos de diversas procedencias xeográficas, divididos entre escuadras locais, nacionais e internacionais:
- Representación local e da costa: Veteranos de Oza, San Román e Deportivo Carballo.
- Desde a Coruña: Veteranos de Rossonero, Veteranos Canarimbos e o equipo dos Bombeiros de Narón.
- Visitantes nacionais: Juventud León (que repite por segundo ano), Veteranos de Zamora e Veteranos de Medal (Asturias).
- Participación internacional: Desde Portugal viaxan O Racing Club e Amigos de Celeirós do Douro.
- Equipos especiais: O torneo contará tamén coa participación do equipo de veteranos A Morocha, unha formación moi especial dedicada a Daniela.
Máis aló da rivalidade deportiva, o motor principal deste torneo é apoiar a loita contra a síndrome de Rett, unha enfermidade rara que afecta ao desenvolvemento neurolóxico. Todo o recadado a través das entradas solidarias —que terán un prezo simbólico de 3 euros, que inclúen unha pulseira — destinarase integramente á Asociación Princesa Rett, en especial para axudar a Daniela e ás princesas da zona, algunhas das cales estarán no torneo.
“Imos intentar que sexa, como o ano pasado, un torneo alegre, un torneo polas nosas nenas. Este ano asistirán cinco nenas”, salientou Yolanda Duarte, presidenta do Cances CF, quen agradeceu a total implicación institucional, da Federación, dos patrocinadores, dos clubs participantes e da familia de Daniela, moi especialmente.
Para facilitar a asistencia de afeccionados, veciñanza e familias, a organización simplificou os horarios das xornadas. Os partidos comezarán de mañá, a partir das 09:00 horas, enchendo as instalacións de bo fútbol, deportividade e solidariedade.
Desde o club e a organización fan un chamamento a toda a comarca da Costa da Morte para que se envorque con esta festa do fútbol veterano e colabore activamente asistindo aos encontros dos días 18 e 19 de xullo.