Unanimidade institucional en Carballo para esixir o recoñecemento de Francisco Miguel e frear a planta de biogás na Laracha

3 minutes read

O Concello de Carballo celebrará este luns 25 de maio unha sesión plenaria na que se abordarán diversas medidas de calado para o municipio, entre as que destacan a flexibilización do regulamento do mercado municipal, a reordenación contable de importantes obras urbanísticas e o rexeitamento unánime á instalación da planta de biogás en Laracha por afectar directamente ao abastecemento de auga local.

O alcalde, Daniel Pérez; a concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, e o concelleiro de Contratación, Feiras e Mercados e Participación Veciñal, Ramón Varela, presentaron os asuntos que integran ao orde do día:

1. Reivindicación do artista Francisco Miguel

O pleno comezará cunha declaración institucional unánime para instar á Real Academia Galega de Belas Artes a tomar en consideración a candidatura do pintor e poeta Francisco Miguel. Máis alá da súa condición de vítima da represión franquista, o alcalde destacou o seu papel como gran renovador artístico e puxo en valor a colaboración entre o Concello, a Asociación Cultural Lumieira, a cidadanía e a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica para converter un antigo lugar de dor nun espazo de xustiza e memoria viva.

2. Rexeitamento unánime á planta de biogás de Laracha

A corporación amosará o seu rexeitamento á planta de biogás proxectada na Laracha a través doutra declaración institucional, orixinada a proposta do PP e que coincide coa aprobada na Deputación da Coruña e tamén coa moción que tiña presentada o BNG e da que desistiu a favor desta iniciativa unánime.

Daniel Pérez lembrou que o Concello xa presentou as correspondentes alegacións técnicas contra este “macroproxecto” que considera inviable dada a ameaza que supón para o río Anllóns e, en consecuencia, para o abastecemento de auga de Carballo. O alcalde lamentou tamén que a unanimidade que houbo na Deputación da Coruña e que haberá o luns no pleno municipal non se reflectise no Parlamento Galego.

3. Modificación contable do anexo de investimentos polas obras do fondo FEDER

Na sesión do luns tamén se aprobará unha modificación estritamente formal e técnica do anexo de investimentos do orzamento de 2026 co obxectivo de pechar os proxectos financiados polo fondo FEDER:

  • Unificación de obras: coordinaranse nun único contrato as obras da Rúa Cervantes, Rúa Gran Vía e a praza do Concello. Isto facilitará unha planificación máis sinxela dos servizos urbanos e evitará as molestias de ter tres empresas distintas traballando á vez.
  • Reforma do mercado: tras o peche do proxecto, a previsión de execución da obra da primeira planta e o entorno reduciuse a distribución do gasto, que pasa tres a dúas anualidades.

4. Dinamización e flexibilización do mercado municipal

Co obxectivo de adaptar a administración ás dinámicas comerciais actuais, tramítase unha modificación puntual da ordenanza do mercado:

  • Autorizacións provisionais: créase unha figura legal máis áxil para que os emprendedores poidan ocupar os postos baleiros de xeito inmediato sen agardar polos longos prazos das licitacións habituais. Isto permitirá “testar” os negocios sen asumir riscos económicos excesivos.
  • Traslados internos: flexibilizarase a reorganización interior dos postos en colaboración cos propios praceiros.

Tanto Ramón Varela coma Daniel Pérez destacaron o notable cambio cultural e a mellora da convivencia no mercado nos últimos anos, consolidando un comportamento comunitario grazas á creación da súa asociación.

5. Revisión de prezos do servizo de limpeza viaria

Outro acordo, por competencia plenaria e con informes favorables (tanto de intervención e secretaría como dunha auditoría externa), será a revisión anual do contrato de limpeza coa empresa Aspaber. Seguindo a fórmula legal estipulada no prego hai dous anos, aplícase un incremento do 2,5%, polo que o custo do servizo pasa de 505.33234 a 517.965,65 € (sen IVE).

6. Datos económicos e control financeiro

Na sesión do luns darase conta dos informes trimestrais remitidos ao Ministerio de Facenda correspondentes ao primeiro trimestre do ano, no que o período medio de pago situouse en 30,41 días.