O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia recibía a alerta dunha persoa particular moi preto das 02:00 horas da madrugada deste mércores. Indicaba que dous turismos que circulaban pola estrada N-651, ao redor do punto quilométrico 11, en Miño, acababan de colidir.
Con estes datos, desde o 112 Galicia puxo en alerta ao 061-Urxencias Sanitarias e aos Bombeiros de Betanzos que, nada mais chegar ao lugar confirmaron o falecemento dun dos condutores, un xóven de 26 anos. Do mesmo xeito, indicaron que foi necesario o uso do material de excarceración para liberar ao condutor do interior do outro turismo implicado. Mentres os servizos de emerxencia traballaban no punto, a circulación tivo que ser interrompida nese tramo da vía.
Os axentes da Garda Civil de Tráfico, os membros de Protección Civil da localidade e o persoal do servizo de mantemento da estrada tamén se desprazaron ao punto nada mais ser alertados polo 112 Galicia.
O condutor ferido, de 82 anos, unha vez liberado foi trasladado polo persoal sanitario ao centro hospitalario de referencia.