Unha exposición recolle os rostros da veciñanza de Camelle no Museo Man

1 minutes read

O Museo Man de Camelle, no Concello de Camariñas, acolle a exposición “Retratos para lembrar”. Baixo o pseudónimo de Pose, Xosé Pérez inmortalizou as facianas dos seus veciños e veciñas nunha singular colección artística. Ocupará unha sala do museo ata o día 31 de xullo.

“Isto está pensado dende o ano 2021”, admite Pose, que xa tiña entón unha idea bastante clara do resultado desexado. A compilación reúne a moitos dos seus amigos e veciños de Camelle a través das súas caras, debuxadas a lapis sobre papel. Para os homes, optou por utilizar principalmente a técnica do branco e negro, mentres que despregou a paleta de cores completa nos retratos femininos.

Begoña Tajes, concelleira de Servizos Sociais e Igualdade do Concello de Camariñas, acudiu ao acto de inauguración. Xunto con outros achegados e interesados, acompañou ao autor mentres este amosaba o froito de anos de esforzo.

O Museo Man non é o único local onde desfrutar destas obras. Multitude de bares e restaurantes da contorna comprometéronse coa iniciativa, exhibindo  retratos dentro do establecemento nunha mostra de afecto comunitario. O Café Pub Marítimo, o Miña Nai, o Café Bar Rotterdam, O Paella, ou o Estanco Bar son algúns dos locais onde atopar estes debuxos.

Ao término do mes, Pose agasallará tódalas pezas ás persoas que representan. Expresa que se trata dunha exposición “sen ánimo de lucro ningún”, enriquecendo aínda máis o patrimonio cultural do lugar.