Unha persoa faleceu e outra resultou ferida tras a colisión de dous turismos en Cerceda

1 minutes read
  • Unha menor tamén foi evacuada en helicóptero tras verse implicada nun accidente en Curtis.

O sinistro de Cerceda ocorreu pouco antes das tres da tarde deste domingo na AC-523. Ambas implicadas eran as únicas ocupantes en senllos vehículos, que colisionaron cando circulaban en sentido Ledoño. Tras o impacto, unha das condutoras faleceu e a outra resultou ferida e foi trasladada ao Hospital da Coruña.

Quen alertou a través do 112 Galicia advertiu da gravidade da situación, pois unha das implicadas estaba inconsciente e sen pulso, indicou. De seguido, solicitouse a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Sen embargo, nada puido facerse por salvar a vida dunha das condutoras. 

Tamén foron avisados os Bombeiros de Ordes, que descartaron empregar os equipos de excarceración, pois ambas as dúas estaban liberadas e accesibles. Este operativo completárono os axentes da Garda Civil de Tráfico e os voluntarios de Protección Civil de Cerceda.

Unha menor foi evacuada en helicóptero tras verse implicada nun accidente en Curtis

No sinistro resultaron feridas dúas persoas máis.  As tres viaxaban nun turismo que bateu contra un camión na N-634.

Segundo a información recollida no 112 Galicia, o sinistro produciuse pouco antes das tres desta tarde. O coche implicado envorcou, sen embargo, as persoas puideron saír polos seus propios medios.

Con todo, precisaron asistencia médica, especialmente, unha menor que viaxaba no turismo e sufriu lesións graves. Por iso, foi trasladada ao Hospital de Santiago a bordo do helicóptero medicalizado, que enviou Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ao lugar do sinistro.

Tamén os dous adultos que ían no mesmo vehículo resultaron feridos e foron conducidos ao mesmo centro hospitalario.

Ademais de sanitarios e persoal do GES de Curtis, acudiron os axentes da Garda Civil de Tráfico e efectivos do servizo de limpeza e mantemento da vía.