A Unión Sindical Obreira (USO) fai un chamamento ás empresas da Costa da Morte para que apliquen medidas reais e efectivas fronte ás altas temperaturas e ao estrés térmico nos centros de traballo. O sindicato lembra que a calor non debe tratarse como unha simple incomodidade propia do verán, senón como un risco laboral que pode provocar deshidratación, esgotamento, mareos, golpes de calor, accidentes de traballo e, nos casos máis graves, a morte.
A situación destes días en Galicia deixa claro que o problema é serio. USO xa denunciou ante a Inspección de Traballo condicións extremas de calor na estación de Ourense, onde se terían producido desmaios ou situacións compatibles con golpes de calor entre traballadores. Ademais, Galicia vén de rexistrar un forte impacto sanitario polas altas temperaturas, con decenas de mortes atribuíbles á calor durante o mes de xuño e novos falecementos estimados nos primeiros días de xullo.
USO Galicia lembra que a empresa ten a obriga legal de garantir unha protección eficaz da seguridade e da saúde das persoas traballadoras. Esa obriga inclúe avaliar o risco por altas temperaturas, planificar medidas preventivas, informar e formar o persoal, adaptar a organización do traballo e actuar antes de que se produzan danos.
O sindicato vén defendendo a necesidade de contar con protocolos fronte á calor extrema, plans de aclimatación gradual e medidas negociadas coa representación legal das persoas traballadoras. A exposición á calor non afecta igual a todo o mundo e o risco aumenta especialmente nos primeiros días de exposición, nas reincorporacións, tras períodos de descanso ou cando unha persoa aínda non está adaptada ás condicións ambientais.
«A calor tamén mata. E no traballo non se pode deixar todo en mans da resistencia física de cada persoa. A prevención non é poñer unha botella de auga nun recuncho e mirar para outro lado. A prevención é avaliar, organizar, adaptar e, se fai falta, parar», sinala USO.
USO Galicia lembra que, cando existan avisos de nivel laranxa ou vermello e as medidas preventivas non garantan a protección do persoal, a empresa debe adaptar as condicións de traballo, modificar ou reducir a xornada e mesmo impedir determinadas tarefas durante as horas de maior risco.
USO Galicia considera necesario que os protocolos fronte á calor inclúan, como mínimo:
• Avaliación específica do risco por altas temperaturas e estrés térmico.
• Planificación preventiva previa aos episodios de calor.
• Adaptación de horarios, ritmos e cargas de traballo.
• Redución ou modificación da xornada cando sexa necesario.
• Pausas suficientes en zonas frescas, ventiladas ou á sombra.
• Auga fresca e accesible durante toda a xornada.
• Mellora da ventilación, climatización ou condicións ambientais.
• Plans de aclimatación gradual para novas incorporacións, reincorporacións ou persoas non adaptadas.
• Formación e información sobre os síntomas do golpe de calor.
• Protocolos de primeiros auxilios e actuación urxente.
• Protección específica para persoas especialmente sensibles.
• Participación da representación legal das persoas traballadoras na elaboración e seguimento das medidas.
USO lembra que o golpe de calor é unha emerxencia médica. Síntomas como temperatura corporal elevada, confusión, mareos intensos, náuseas, pel quente, dor forte de cabeza, pulso acelerado ou perda de conciencia deben activar de inmediato a asistencia sanitaria e o protocolo de emerxencia.
«Na Costa da Morte tamén hai persoas traballando con calor, humidade, falta de ventilación ou exposición prolongada. A resposta empresarial non pode ser dicirlle á xente que aguante. A resposta ten que ser prevención, organización e responsabilidade», sinala o sindicato.
USO anima as persoas traballadoras da Costa da Morte a contactar co sindicato se a súa empresa non adopta medidas fronte á calor, non avalía o risco, non facilita descansos, non garante hidratación, non adapta horarios ou mantén tarefas en condicións que poidan poñer en perigo a saúde. Tamén se pon a disposición das empresas que queiran facer ben as cousas para prestarlles o asesoramento que precisen.
«O traballo non pode converterse nunha proba de resistencia. O risco climático debe xestionarse con rigor técnico e con dereitos, non con improvisación», conclúen desde USO.