A Organización Mundial da Saúde (OMS) celebra o 31 de maio o Día Mundial Sen Tabaco baixo o lema “Desenmascaremos o seu atractivo: combatamos a adicción ao tabaco e á nicotina”. A campaña deste ano pon o foco nas estratexias utilizadas polas empresas tabaqueiras para captar especialmente á poboación nova mediante sabores doces, deseños coloridos, envases rechamantes e campañas en redes sociais que presentan estes produtos como modernos e inofensivos. Con todo, tanto o tabaco tradicional como os vapeadores conteñen substancias prexudiciais e xeran adicción, afectando especialmente o desenvolvemento cerebral e á saúde respiratoria das persoas mozas.
Con motivo desta conmemoración, a asociación Vieiro desenvolverá ao longo de toda a semana diversas actividades de prevención, información e sensibilización dirixidas a toda a poboación, co obxectivo de dar a coñecer os riscos asociados ao consumo de tabaco e outros dispositivos e aumentar a conciencia sobre o impacto do tabaquismo.
Entre as iniciativas previstas destacan:
- O lanzamento dunha campaña de sensibilización en redes sociais que se desenvolverá entre os días 25 e 31 de maio. A través de plataformas como Instagram, a entidade difundirá mensaxes informativas, vídeos e testemuños para achegar á poboación o traballo e distintos servizos que ofrece Vieiro. A campaña clausurará o propio 31 de maio, coincidindo coa conmemoración do Día Mundial Sen Tabaco, con publicacións centradas en informar sobre os riscos derivados do consumo dos distintos dispositivos e na promoción de hábitos de vida saudables contando coa participación de influencers de referencia de toda Galicia.
- Así mesmo, o domingo 31 de maio a fachada do Concello de Carballo iluminarase de cor verde, cor corporativa da Asociación Vieiro, como xesto simbólico de apoio a esta xornada de sensibilización.
- Dentro da programación tamén se celebrarán os talleres “Sen filtro”, destinados a traballar a prevención do consumo de tabaco e outros dispositivos. Estas actividades terán lugar o 21 de maio no salón de actos da parroquia de Carballo coas participantes do curso de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais; o 26 de maio co alumnado de F.P. Dual de Aspaber; o 28 de maio na sede da Asociación Prol-Enfermos Mentais (Apem) de Carballo; o 2 de xuño cos usuarios/as de diversidade funcional na Asociación Íntegro e o 5 de xuño na sede de Apem de Cee.
O obxectivo destas xornadas é ofrecer información sobre os efectos e consecuencias prexudiciais que o consumo de tabaco e outros dispositivos teñen sobre o organismo, fomentando a reflexión e a adopción de hábitos de vida saudables.
A asociación Vieiro agradece ao Concello de Carballo e a Cáritas Bergantiños a acollida e colaboración nesta iniciativa de sensibilización e concienciación. Do mesmo xeito, a entidade agradece á dirección, ao persoal e ás persoas usuarias das asociacións Apem, Aspaber e Íntegro a súa participación e implicación na conmemoración do Día Mundial Sen Tabaco, contribuíndo así ao fortalecemento e consolidación da inclusión social.