Son cinco días intensos de actividades sociais, culturais e festivas, despois do éxito das primeiras citas da programación, que arrancou o pasado 19 de xullo coa Carreira do Apóstolo.
A programación, impulsada pola Asociación Cultural Adro de Vilaño, conta coa colaboración do Concello da Laracha e da Deputación da Coruña, e ofrecerá propostas para públicos de todas as idades e gustos.
Promo do evento.
“Buscamos crear eventos e iniciativas que unan ás persoas e que traian ilusión á vida da xente” di Diego Rama, Presidente da entidade. “Non se pode entender un territorio sen diversidade: cultural, emocional, xeracional… Nós queremos que Adro de Vilaño sexa un punto de encontro para todo o mundo, independentemente dos seus gustos, habilidades, ideas ou idade. Por iso programamos deste xeito”
Un dos momentos máis especiais chegará o xoves 23 de xullo ás 20.30 horas, ca estrea do documental “Mulleres de Vilaño”, producido en colaboración coa Asociación Castelo Conta. A peza recolle as experiencias e reflexións dun grupo de mulleres maiores de diferentes lugares da parroquia arredor dos coidados, a memoria e a vida comunitaria.
A música será protagonista o venres 24 de xullo, cunha gran verbena a partir das 22.30 horas coa Orquestra Panorama City e a Disco Móbil Impacto con DJ larachés Cotelo. Á medianoite terá lugar unha sesión de fogos de artificio.
O sábado 25 de xullo, día de Santiago Apóstolo, celebrarase a misa solemne ás 13.30 horas e unha sesión vermú longa con Laura Añón, Ángel Sevilla e JJ Compota. Xa pola noite, a partir das 22.00 horas, chegará o Vilaño Fest, con música de baile para todas as idades ao comezo a cargo dos DJs Bermu e Nyan Boe, e cunha programación de música urbana en galego encabezada por Kid Mount e X. Maseda a partir das 00.30, seguida polos DJs Cotelo, Borja Solla, Anxo Silva e Sote. O evento contará tamén cun Punto Violeta de prevención e información fronte ás violencias machistas.
“As festas no rural deben evolucionar para ir cos tempos, e as entidades temos que programar pensando en todas as persoas. Non hai que ter medo a facer cousas diferentes” continúa Rama, e engade “Iso si, nunca tanto traballamos… espero que ese traballo se vexa e se valore”.
O domingo 26 desenvolverase unha das grandes novidades deste ano: o Atardecer no Castro, unha festa de temática castrexa no Castro vilañés de Montes Claros. A programación comezará ás 17.00 horas e incluirá xogos tradicionais con Xogando Miudiño, unha visita teatralizada a cargo de K Paparota Teatro e Puri Soto, a Charanga Tradicional Os Máquinas e unha cea castrexa con produtos locais. Ao serán actuarán Irma Macías e Luis Pinto (20.00h) e a vilañesa concursante de La Voz Kids Daniela Montes (21.00h) e SÉS (22.00h), nunha proposta que busca poñer en valor o patrimonio arqueolóxico e natural do castro a través dunha experiencia cultural aberta á comunidade.

Ese mesmo domingo, no núcleo de Vilaño, terá lugar ás 13.30 horas a misa solemne polo Santísimo Sacramento e, ás 14.30 horas, unha sesión vermú co Dúo Veneguay.
A programación pecharase o luns 27 de xullo, festividade de San Roque, coa misa solemne ás 13.30 horas, unha sesión vermú co Dúo Caramelo e, desde as 17.00 horas, a “Pequefesta” con xogos, música, inchables, pintacaras, festa da escuma e merenda gratuíta.
Todas as actividades, agás Atardecer no Castro, celebraranse no Adro de Vilaño. A programación completa pode consultarse nas redes sociais de Adro de Vilaño.