Trátase dun proxecto interdisciplinar que mestura teatro, pensamento crítico, saberes tradicionais e participación cidadá para reflexionar sobre a identidade e a transformación do territorio galego.
A programación comeza o xoves, 7 de novembro, coa inauguración da exposición “Prestige:20 anos”, que poderá visitarse na Casa da Cultura de Vimianzo ata fin de mes. Ese mesmo día ás 18:00 h, terá lugar unha Conversa Aberta coa participación de Virginia Barros (representante da asociación ecoloxista Mar de Fábula) e Lucía Paz, investigadora e doutoranda na Universidade da Coruña. O diálogo abordará temas como o impacto da industria, a memoria do mar e a transición enerxética desde unha perspectiva crítica e local.
A segunda actividade será o Vieiro de Etnomedicina, unha acción de campo guiada pola farmacéutica e investigadora María Moure, o luns 10 de novembro ás 17:00 h, na Escola Unitaria de Carnés. A través dun percorrido sensorial e oral, recuperarase o coñecemento tradicional sobre as plantas, os usos curativos e a sabedoría ancestral vencellada á terra.
Eco de Sol é unha iniciativa de aAntena Teatro, desenvolta con apoio da Deputación da Coruña no marco do seu programa de Proxectos Singulares para a Mellora Social. A súa metodoloxía aposta por cruzar artes escénicas, arquivo visual, regueifa, cinema e espazos de diálogo, xerando novas formas de pensar o territorio máis alá das narrativas hexemónicas sobre o progreso.