Vimianzo impulsa a Mostra de Artesanía cunha oferta de obradoiros para todos os públicos

1 minutes read

O Concello de Vimianzo presenta Artesanía Viva 2026, unha programación de oito obradoiros participativos que se desenvolverán entre os meses de xullo e setembro para dinamizar a Mostra de Artesanía do Castelo de Vimianzo e achegar os oficios tradicionais á veciñanza e ás persoas visitantes.

A programación estará impartida por artesás, artesáns e asociacións que forman parte da propia Mostra de Artesanía, permitindo ao público descubrir de primeira man os seus oficios e coñecer as técnicas tradicionais a través da práctica.

Os obradoiros abordarán disciplinas como as contas de vidro ao soplete, a olería de Buño, a arte de panillar, o tecido do liño, a elaboración de maquetas de embarcacións tradicionais e nasas ou a artesanía en palla. As actividades desenvolveranse os sábados entre o 11 de xullo e o 12 de setembro, complementando a programación habitual da Mostra.

A iniciativa busca crear un espazo de encontro entre artesáns e visitantes, favorecendo a transmisión dos oficios tradicionais e poñendo en valor o patrimonio artesanal galego nun enclave tan emblemático como o Castelo de Vimianzo.

Os obradoiros contarán con 12 prazas por sesión, agás o de contas de vidro, limitado a 8 participantes polas características da actividade. Están dirixidos a persoas adultas e a menores a partir de 8 anos acompañados.

As inscricións poden realizarse a través da seguinte ligazón.

Con Artesanía Viva 2026, o Concello de Vimianzo reforza a programación da Mostra de Artesanía do Castelo, converténdoa nun espazo non só para admirar o traballo das artesás e artesáns, senón tamén para aprendelo e vivilo en primeira persoa, consolidando o Castelo como un referente da cultura e dos oficios tradicionais durante o verán.