O foro ‘Alza Voz de Muller’ reúne durante dúas xornadas a profesionais de distintos ámbitos para compartir experiencias e coñecemento arredor do liderado feminino, especialmente no ámbito rural, baixo o lema «Da consciencia á acción».
A deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, participou este venres, xunto á alcaldesa de Vimianzo e tamén deputada provincial, Mónica Rodríguez, ao subdelegado do Goberno, Julio Abalde, a representante da Xunta, María Quintiana, e a da UDC, Lorena Añón, na súa inauguración.
A alcaldesa, Mónica Rodríguez, celebrou que Vimianzo acolla a segunda edición de Alza Voz de Muller «con orgullo e convicción». «Este foro demostra que o rural non é a periferia de nada: é un territorio con talento, con capacidade de liderado e con mulleres que emprenden e transforman cada día. Que un evento desta envergadura, con voces tan relevantes e con tanta participación, teña lugar aquí é algo que nos enche de orgullo como concello e como comunidade. Desde o Concello de Vimianzo seguiremos apostando por espazos que poñan en valor o talento feminino no noso territorio, porque investir nas mulleres é investir no futuro de todos», afirmou.
Pola súa banda, Rosa Ana García agradeceu ao Concello de Vimianzo e á súa alcaldesa o impulso deste foro, «un espazo necesario para poñer o foco onde tantas veces non se pon: nas voces das mulleres que durante demasiado tempo tiveron que abrirse camiño con máis esforzo, máis obstáculos e menos recoñecemento».
Rosa Ana García destacou que o foro Alza Voz de Muller que «ningunha muller debería sentir que ten que abrir camiño soa, ningunha emprendedora debería pensar que o seu proxecto é máis pequeno por nacer nun concello rural e ningunha profesional debería ter que marchar ao ámbito urbano para demostrar o que vale». Pechou a súa intervención cunha referencia á homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas, Begoña Caamaño, autora que nas súas obras deu voz ás mulleres que durante séculos apareceron nos relatos doutros, pero poucas veces puideron contar a súa propia historia.
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, destacou o emprendemento feminino como como panca imprescindible no desenvolvemento sostible do rural galego. Puxo en valor foros coma este para dar máis visibilidade a mulleres que son protagonistas de proxectos empresariais, sociais ou culturais que favorecen o crecemento da contorna na que viven. Neste sentido, reafirmou o compromiso do Goberno galego de seguir traballando para acadar a igualdade de xénero en todos os eidos da sociedade.