O 2026 será un excelente ano no relativo ás visitas guiadas ao Museo Fernando Blanco de Cee, pois o grupo Fianteira Turismo, con sede en Sanxenxo, e a través da súa Axencia de Viaxes Interrías, reservou un total de 31 datas dentro do que denominan “Operativas CAM 2026 Rías Altas Costa da Morte”, o que fará que se acerquen unhas 1.500 persoas mediante este circuito cultural de seis días no que, ademáis de Cee, inclúense outras localidades da Costa da Morte e de máis aló, como Santiago ou A Coruña.
Pero tamén pasan polo Museo outro tipo de grupos que solicitan unha explicación detallada, sen formar parte do circuito antes mencionado (peregrinos, asociacións, colexios, …).
Un claro exemplo da combinación da diversidade de grupos deuse estas dúas últimas semanas. Así, viñeron a interesarse pola figura do filántropo e o seu legado dous grupos da Comunidade de Madrid; a Agrupación Cultural Silvardeiras de Allariz (Ourense) logo de representar en Cee a obra “Os vellos non deben namorarse”; e un grupo composto por persoas que están a recibir clases de español a través da Cruz Vermella, e procedentes de distintos puntos do planeta (Italia, Hungría, Senegal, Ucraína, Marrocos).
Un total de 107 persoas cun sentir común que amosan ao rematar o percorrido: o asombro de como unha pequena vila como Cee contase cun dos centros educativos de referencia xa dende finais do século XIX e, con razón, manifestan que o agradecemento da nosa localidade con quen o fixo posible debe ser eterno … Non podemos estar máis de acordo.
*** As visitas guiadas é preciso concertalas con antelación no teléfono 981.74.72.21 ou no correo fundacioncee@hotmail.com.