XEAL e a Fundación Fernando Blanco impulsan novos programas educativos e culturais en Cee

2 minutes read

XEAL e a Fundación Fernando Blanco de Lema acaban de asinar un convenio de colaboración para apoiar a posta en marcha e desenvolvemento de distintos programas educativos e culturais promovidos pola centenaria entidade ceense.
O acordo permite reforzar iniciativas xa en funcionamento da Fundación, como a Rede de Patrocinadores, o programa educativo-cultural “O Mes da Fundación”, previsto para o mes de outubro, e os Premios Académicos Fernando Blanco correspondentes ao curso 2025-2026. Trátanse de actividades orientadas a fomentar a formación, a cultura e o recoñecemento do talento académico na comarca.
Con esta firma, XEAL súmase ás iniciativas impulsadas pola Fundación Fernando Blanco, unha institución con longa tradición na promoción da educación e a vida cultural en Cee e na súa contorna.
Justo Trillo, director da división industrial de XEAL, puxo en valor a “importancia de apoiar iniciativas que contribúan ao desenvolvemento educativo e cultural do entorno e que reforzan o vínculo da empresa coa comarca”. Na mesma liña, dende a Fundación Fernando Blanco destacaron que “esta colaboración por parte de XEAL, iniciada xa fai uns anos, é imprescindible para que a entidade siga a difundir a vida e legado de quen nunca esqueceu a súa vila, así como para impulsar programas como O Mes da Fundación e os Premios Académicos Fernando Blanco que contan xa cunha longa traxectoria dado que chegarán ás súas XIII e XV Edición respectivamente no presente ano 2026”.
Subliñan ademais dende a entidade da vila da Xunqueira “o sincero agradecemento a unha empresa que sempre valorou o papel histórico da Fundación, estando sempre disposta a prestarnos a súa inestimable colaboración no desenvolvemento das nosas liñas de traballo”.
Con este convenio, ambas partes consolidan a súa colaboración en torno a iniciativas que buscan acercar a cultura e a educación á cidadanía en xeral e á comunidade educativa en particular.