- A alcaldesa de Cee, Margot Lamela, presidiu a presentación do fallo do xurado e comunicoulle por teléfono ao gañador a concesión do premio durante o acto celebrado no salón de plenos do Concello de Cee.
O salón de plenos do Concello de Cee acolleu este venres a presentación do fallo do I Certame Literario Batallón da Costa da Morte, no que resultou gañadora a obra Infelices aves, do escritor Xosé Luís Mosquera Camba, de Guísamo (Bergondo).
Durante o acto, Víctor Castiñeira, secretario do xurado, foi o encargado de abrir o sobre co veredicto. En primeiro lugar, deu a coñecer que a obra gañadora era Infelices aves e, a continuación, anunciou que o seu autor era Xosé Luís Mosquera Camba.
Acto seguido, a alcaldesa de Cee, Margot Lamela, chamou por teléfono ao escritor para comunicarlle persoalmente a concesión do premio, dotado con 3.000 euros. Durante a conversa, trasladoulle os parabéns da organización e convidouno a asistir ao acto de entrega do galardón, que terá lugar o 9 de agosto.
O xurado, integrado por María Lado, Miro Villar e Modesto Fraga, con Víctor Castiñeira como secretario, explicou a través do seu portavoz, Miro Villar, que a decisión foi adoptada por maioría tras un amplo debate entre as obras finalistas. Segundo explicou, acordouse non facer públicos os títulos das restantes propostas para preservar o anonimato dos seus autores.
Na lectura da acta, Villar destacou que Infelices aves foi distinguida pola súa orixinalidade, pola temática e polo discurso poético que desenvolve. Así mesmo, salientou o diálogo que o poemario establece con outras disciplinas artísticas, especialmente coa pintura e co cinema, e a unidade do conxunto, que lle outorga coherencia como poemario.
Na súa intervención, Margot Lamela agradeceu o traballo do xurado e a implicación de todas as persoas que contribuíron á organización da primeira edición do Certame Literario Batallón da Costa da Morte. Tamén animou á cidadanía a participar na programación poética prevista para a vindeira semana, que se desenvolverá ao longo de seis días e concluirá o 9 de agosto coa entrega do premio.
No peche do acto, Modesto Fraga destacou o alto nivel literario da convocatoria. Sinalou que a calidade dos traballos deu lugar a unha deliberación intensa por parte do xurado e afirmou que este primeiro certame nace coa vocación de consolidarse.
O I Certame Literario Batallón da Costa da Morte enmárcase na programación conmemorativa do centenario do Batallón e reuniu nesta primeira edición un total de sesenta obras. A organización destacou a elevada participación e o nivel literario das propostas presentadas, ao tempo que expresou a súa vontade de dar continuidade ao certame nas vindeiras edicións.
Cabe destacar que a programación de «Poesía na Rúa» arrancará o 3 de agosto, ás 20.30 horas, na Fundación Fernando Blanco, cun recital no que participarán Modesto Fraga, María Canosa e Ainhoa Conde. O 4 de agosto, tamén ás 20.30 horas, o Monumento aos Defensores das Liberdades acollerá as intervencións de Marilar Aleixandre, Rafa Vilar e Rosalía Fernández Rial.
O 5 de agosto, ás 20.30 horas, a Praza Ketty Quintana será o escenario das lecturas de María Lado, David Creus e Xaime Tillo. A programación continuará o 6 de agosto, ás 20.30 horas, na Praza de Concha Blanco, coa participación de Miro Villar, Concha Blanco e Alexandre Nerium. O 7 de agosto, á mesma hora, a Praciña do Olvido reunirá a Xosé Iglesias, Suso Bahamonde e Roberto Traba Velay.
O 8 de agosto, ás 13.00 horas, a Praza da Constitución acollerá un recital con Mónica Góñez, Moncho Bouzas e Rocío Leira. As actividades concluirán o 9 de agosto coa gala de entrega do I Certame Literario Batallón da Costa da Morte, no que Xosé Luís Mosquera Camba recibirá o galardón por Infelices aves.