Zas lembra a Enrique Labarta Pose no 101 aniversario do seu falecemento

2 minutes read

O Concello de Zas rendeu homenaxe a Enrique Labarta Pose coincidindo co 101 aniversario do seu falecemento. O alcalde de Zas, Manuel Muíño, e o descendente do escritor, Ángel Labarta, realizaron unha ofrenda floral diante do monumento dedicado ao autor co obxectivo de manter viva a súa memoria e seguir reivindicando o recoñecemento que merece unha das figuras máis destacadas da literatura galega.
Durante o acto, ambos depositaron un ramo de flores como símbolo de lembranza e respecto cara ao polifacético escritor baiés, autor dunha extensa obra literaria e firme defensor da lingua galega. Enrique Labarta Pose deixou unha profunda pegada na literatura galega de finais do século XIX e comezos do XX, destacando tamén pola súa intensa actividade cultural durante a súa etapa estudantil.
O rexedor destacou a importancia de continuar divulgando a figura e o legado de Enrique Labarta Pose e insistiu na necesidade de que a Real Academia Galega lle dedique no futuro o Día das Letras Galegas. “Labarta Pose foi un pioneiro da defensa do galego e unha figura fundamental da nosa cultura. Desde o Concello de Zas seguiremos traballando para que teña o recoñecemento que merece e para que a súa obra continúe chegando ás novas xeracións”, sinalou Manuel Muíño.
Entre os seus textos máis recoñecidos figuran obras emblemáticas como ‘¡Que me enterren aló!’, ‘¡Non falés o Gallego!’ ou ‘Defensa das Mulleres’, nas que deixou patente o seu compromiso coa lingua galega, coa defensa das mulleres e co amor pola súa terra.
O alcalde tamén lembrou o amplo programa de actividades impulsado o pasado ano con motivo do centenario do falecemento do escritor. Ao longo de varios meses desenvolveuse unha programación especial organizada polo departamento de Cultura do Concello de Zas para poñer en valor a figura dun autor que xa no ano 1920 fora proposto para ser académico de número da Real Academia Galega, tal e como consta na documentación conservada pola propia entidade.
Desde o Concello de Zas continuaranse promovendo accións de divulgación arredor da figura de Enrique Labarta Pose co propósito de reforzar o seu legado cultural e acadar o recoñecemento institucional que consideran xusto para unha das voces máis relevantes da literatura galega da súa época.