38 centros escolares participan este curso en el programa «Biblioteca Creativa»


Un total de 38 centros educativos da provincia da Coruña −dez deles de nova incorporación e outros 28 que renovan a súa continuidade− participan neste curso no programa Biblioteca Creativa da Xunta de Galicia que ten por obxectivo impulsar, desde a biblioteca escolar, un espazo creativo de aprendizaxes no que o alumnado poida experimentar e investigar con todo tipo de recursos; e para o cal a Consellería de Cultura, Educación e Universidade aporta os recursos necesarios.

Así, segundo a resolución publicada no Portal Educativo, no conxunto de Galicia haberá este curso un total de 102 centros educativos de infantil e primaria incorporados ao proxecto (25 deles de nova incorporación e outros 77 que renovan a súa continuidade). Por provincias, na Coruña haberá un total de 38 centros adheridos (10 novos e 28 que renovan), en Lugo 14 (tres 3 novos e 11 que renovan), en Ourense 11 (dous novos e 9 que renovan) e en Pontevedra 39 (10 novos e 29 que renovan).

Esta iniciativa, −integrada no Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares (PLAMBE)−, busca estimular a iniciación do alumnado de infantil e primaria no campo da robótica e na linguaxe de programación a través de actividades manipulativas e outras, programadas desde a biblioteca escolar, mediante a utilización de pequenos robots, os Escornabots, deseñados dentro dun proxecto de hardware libre, cunha evolución aberta á comunidade. A través disto búscase ampliar as linguaxes presentes na biblioteca, promover a expresión oral, a alfabetización múltiple, o razoamento lóxico, a aprendizaxe manipulativa, o xogo, a investigación e o traballo colaborativo de profesorado e alumnado.