Na tarde do pasado sábado o anfiteatro do Paseo Fluvial de Arteixo respirou tradición e cultura da man do Festival de Música e Baile Tradicional da Asociación Xuvenil Xiradela de Arteixo que congregou numeroso público. Na bancada, a xente buscou acubillo do sol ata con paraugas ou desprazouse ás zonas con sombra dos laterais.
Nesta xuntanza participaron, tal e como estaba previsto, 13 grupos de pandeireteiros/as, sete grupos de baile, e un grupo de gaitas e percusión formado por 20 persoas, todos eles coordinados por seis mestres. En total, a A.X. Xiradela reuniu unhas 135 persoas aproximadamente, para bailar, tocar e cantar pezas da nosa cultura tradicional.
O Festival de Música e Baile Tradicional da Asociación Xuvenil Xiradela conta coa colaboración do Concello de Arteixo e da Deputación da Coruña, e nesta ocasión integrouse dentro das actividades de Arteixoven, que organizaba o Concello de Arteixo.