Trátase dunha iniciativa, co apoio da Deputación da Coruña, orientada a reforzar a acción fronte á enfermidade desde o ámbito local, con especial atención ás contornas rurais e semiurbanas.
O acto, celebrado no Espazo Avenida Abanca, contou coa participación do presidente da Xunta Provincial da Asociación Española Contra o Cancro na Coruña, Javier Álvarez Barbeito, e do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, xunto a 33 alcaldes e alcaldesas e representantes de distintos concellos da provincia – A Coruña, A Laracha, Abegondo, Ames, Aranga, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Boiro, Cabana de Bergantiños, Carballo, Carral, Cedeira, Cee, Coristanco, Culleredo, Curtis, Ferrol, Fisterra, Irixoa, Mañón, Mugardos, Muxía, Oleiros, Paderne, Ponteceso, Pontedeume, Rianxo, Ribeira, Val do Dubra, Valdoviño, Vilasantar e Vimianzo.-, ademais doutros representantes institucionais e persoas voluntarias das diferentes Xuntas Locais da Asociación en toda a provincia.
A Rede de Concellos Contra o Cancro nace co obxectivo de crear unha estrutura de coordinación entre os concellos e a Asociación, co apoio da Deputación da Coruña, para facilitar o desenvolvemento de accións de prevención e o reforzo do apoio a pacientes e ás súas familias. Ademais, contempla tamén a promoción de hábitos de vida saudables e a participación da cidadanía e do voluntariado en iniciativas comunitarias de saúde.
O proxecto ofrece aos concellos un marco de traballo que permite ordenar, impulsar e ampliar as iniciativas que xa se están a desenvolver ou que se poidan impulsar en distintos municipios, adaptándoas á realidade de cada territorio e mellorando o acceso aos programas da Asociación.
Durante a súa intervención, Javier Álvarez Barbeito sinalou a importancia de seguir avanzando no traballo dentro do territorio para chegar a máis persoas, apoiándose na rede de voluntariado e no papel dos concellos como axentes clave pola súa proximidade á cidadanía. “O proxecto Rede de Concellos Contra o Cancro constitúe un novo paso no camiño que temos que recorrer para que as oportunidades dos pacientes sexan as mesmas, independentemente de onde residan. De aí que o apoio da Deputación da Coruña e dos concellos da provincia sexa decisivo”.
Pola súa banda, Valentín González Formoso destacou o papel fundamental da Asociación Española Contra o Cancro na provincia e subliñou que a iniciativa representa “unha gran rede de coidado, compromiso e esperanza, construída da man da Asociación e coa implicación activa dos concellos da provincia.”
Na actualidade, o cancro continúa sendo un dos principais problemas sociosanitarios na provincia da Coruña. Só en 2024 diagnosticáronse 7.959 novos casos, e a prevalencia a tres anos supera as 16.000 persoas, cun impacto significativo tamén na súa contorna familiar e social.
A presentación da Rede de Concellos Contra o Cancro celebrouse no marco do encontro anual da Asociación coas súas Xuntas Locais, unha xornada de traballo que reúne a gran parte do voluntariado de toda a provincia para compartir liñas de actuación e reforzar o traballo no territorio. Durante a xornada, tamén se fixo entrega de diplomas conmemorativos a distintas Xuntas Locais en recoñecemento á súa traxectoria, destacando o 50 aniversario da Xunta Local de Santiago, así como os 30 anos de actividade das Xuntas Locais de Aranga, Cabana de Bergantiños e Coristanco.
Con esta iniciativa, a Asociación Española Contra o Cancro continúa avanzando no seu obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas con cancro e das súas familias, impulsando unha resposta máis próxima e adaptada á realidade de cada municipio.