A Confraría de Pescadores de Laxe puxo na mañá deste xoves o broche final á súa campaña de promoción do peixe e marisco da súa lonxa cun showcooking celebrado no Parador Costa da Morte, en Muxía, que reuniu a alcaldes de distintos municipios da Costa da Morte, representantes do sector pesqueiro e marisqueiro e membros do GALP Costa da Morte.
O acto, presentado polo secretario da Confraría de Pescadores de Laxe, Antonio Devesa, serviu para facer balance das diferentes accións desenvolvidas ao longo da campaña e para poñer en valor os obxectivos dunha iniciativa centrada non só na promoción dos produtos da lonxa laxense, senón tamén en dar a coñecer as súas posibilidades gastronómicas e achegalos a novos públicos e consumidores. Devesa aproveitou ademais a súa intervención para agradecer o apoio do GALP Costa da Morte ao desenvolvemento desta iniciativa.
Os cociñeiros Miguel Mosteiro e Adrián Mayo, xefe de cociña do Parador Costa da Morte, elaboraron en directo catro propostas protagonizadas por especies procedentes da lonxa de Laxe. Mayo presentou un “Longueirón con veo de touciño entrefebrado e aceite afumado” e unha “Pescada sobre guiso mariñeiro de fabas de Coristanco e aceite verde mariño”. Miguel Mosteiro, pola súa banda, preparou unha “Sardiña soasada en costra de pan de broa con manteiga de algas” e unha “Maragota con crema de apionabo, ajada e alga wakame”.
O showcooking permitiu exemplificar, a través de elaboracións diferentes, a versatilidade de especies habituais na lonxa laxense e as posibilidades que ofrecen máis aló das preparacións tradicionais. O encontro serviu tamén para poñer sobre a mesa a necesidade de desenvolver accións de promoción que, ademais de dar visibilidade ao produto, permitan informar, desmontar determinados prexuízos e achegar especies menos comerciais aos consumidores, favorecendo novas formas de consumo.
Nesta liña, tanto Antonio Devesa como Miguel Mosteiro quixeron incidir na importancia de levar a cabo iniciativas que promovan o consumo de peixe tamén entre os máis pequenos. Trátase dunha liña de traballo que a Confraría de Pescadores de Laxe vén desenvolvendo desde hai anos a través das Xornadas de Pesca Artesanal e de diferentes actividades en colexios.
Co acto celebrado este xoves, a Confraría de Pescadores de Laxe puxo o punto final a unha campaña que buscou xerar coñecemento, consumo e novas oportunidades para os produtos procedentes da pesca costeira artesanal en Laxe, á vez que se pon en valor o traballo desenvolvido día a día nunha lonxa de pequenas dimensións.
