A Deputación da Coruña exhibe o potencial do Camiño en Reading (Inglaterra)

1 minutes read

A Deputación da Coruña celebrou esta fin de semana en Reading (Inglaterra) o evento «Walk the Spanish Way – Primavera no Camiño», unha acción de promoción internacional do Camiño Inglés e do Camiño Fisterra-Muxía que reuniu a miles de persoas ao longo da xornada.

A feira, desenvolvida en Broad Street, espertou un notable interese entre o público británico, que se achegou aos distintos espazos para coñecer de primeira man os atractivos culturais, paisaxísticos e gastronómicos de Galicia e das rutas xacobeas. A música tradicional galega, os contidos audiovisuais e o showcooking do cociñeiro galego André Arzúa contribuíron a crear unha experiencia completa arredor do Camiño.

No evento participaron o deputado provincial Antonio Leira, e o tamén deputado provincial Bernardo Fernández Piñeiro, presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, que destacaron a boa acollida da iniciativa e o interese crecente do mercado británico por estas rutas.

Antonio Leira subliñou que «a resposta do público en Reading confirma que o traballo de promoción que levamos anos desenvolvendo no Reino Unido está a dar resultados, cun incremento constante de peregrinos británicos no Camiño Inglés».

Pola súa banda, Bernardo Fernández salientou «a importancia de seguir reforzando a presenza internacional dunha ruta cun forte vínculo histórico co Reino Unido e cun perfil de visitante moi interesado na cultura, a historia e a identidade do territorio».

Estas accións desenvólvense en colaboración coa Xunta de Galicia e outras entidades, no marco da estratexia promocional do Xacobeo 2027, e teñen como obxectivo consolidar o posicionamento internacional do Camiño Inglés nun dos seus principais mercados emisores.