A Deputación da Coruña prepara unha segunda edición do programa de apoio ao comercio local MercaNaVila

3 minutes read

A Deputación da Coruña traballa xa na posta en marcha dunha segunda edición de MercaNaVila, o programa pioneiro de apoio ao comercio de proximidade nos concellos máis pequenos da provincia tras o éxito acadado na súa primeira convocatoria.

O presidente, Valentín González Formoso, mantivo este venres unha reunión co presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, para avanzar no deseño da nova campaña, prevista para o outono de 2026. Na mesma participou tamén a deputada de Emprego, Rosa Ana García.

O encontro serviu para facer balance dunha iniciativa que superou amplamente as expectativas iniciais e que se converteu nun referente de apoio ao comercio local en Galicia. Na súa primeira edición, MercaNaVila puxo á disposición da cidadanía bonos desconto para realizar compras nos establecementos adheridos, xerando un impacto económico de grande relevancia nas vilas e concellos pequenos e medianos da provincia.

Para Formoso, as cifras acadadas en MercaNaVila 2025 «demostran que funcionou, que chegou á xente e que respondeu ás necesidades reais do comercio de proximidade». O presidente destacou que «o comercio de proximidade é un elemento esencial para a cohesión social e territorial da provincia. Onde hai comercio hai actividade, hai servizos e hai oportunidades. Por iso queremos consolidar MercaNaVila como unha ferramenta estable de apoio ao sector».

MercaNaVila puxo á disposición da cidadanía descontos para realizar compras nos establecementos adheridos das vilas e concellos pequenos e medianos da provincia. A iniciativa pechou a súa primeira edición con máis de 93.000 bonos descargados, preto de 300.000 operacións de compra, 1.080 comercios participantes e 16 millóns de euros mobilizados en vendas no comercio local.

O presidente provincial subliñou que «apoiando ao comercio local, reforzamos a vida das nosas vilas, o emprego, a actividade nas rúas e a capacidade dos concellos pequenos para seguir sendo lugares vivos».

Pola súa banda, o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, valorou positivamente a vontade da Deputación de manter o programa e destacou a importancia de que a nova edición se estea a deseñar en colaboración directa co sector. Seijas salientou que «a primeira campaña tivo unha acollida moi positiva entre os comerciantes e entre a cidadanía» e apuntou que «o reto agora é aproveitar esa experiencia para mellorar, chegar a máis establecementos e seguir impulsando as vendas no comercio de proximidade».

Na reunión, Deputación e Federación Galega de Comercio coincidiron na necesidade de seguir traballando de maneira coordinada para adaptar a nova edición ás necesidades reais do sector, simplificar a participación dos establecementos, reforzar a difusión da campaña e ampliar o impacto do programa no territorio.

A Deputación enmarca MercaNaVila dentro da súa estratexia de apoio ao tecido económico local, á creación de emprego e á dinamización dos concellos de menor tamaño. O programa busca incentivar as compras nos negocios de proximidade, fortalecer o comercio tradicional e contribuír á actividade económica nas vilas da provincia.

A primeira edición deixou tamén unha importante pegada territorial. Concellos como Noia, Boiro, Ordes, Cee, As Pontes, Betanzos, A Pobra do Caramiñal, Melide, Arzúa ou Padrón rexistraron algunhas das cifras máis destacadas de vendas, evidenciando a capacidade da campaña para mobilizar consumo e xerar actividade económica en todo o territorio provincial.

Coa vista posta no outono, A Deputación e Federación Galega de Comercio iniciarán agora os traballos técnicos para definir os detalles da nova convocatoria, co obxectivo de consolidar e ampliar unha iniciativa que xa se revelou como unha das accións de apoio ao comercio local máis exitosas desenvolvidas na provincia.