Colectivos veciñais, representantes de asociacións ambientais e sindicais, expertos en enerxía e responsábeis políticos participan na Laracha nunha xornada organizada este sábado polo BNG baixo o título O biogás na Galiza: un debate necesario. O encontro ten por obxectivo abordar os diferentes modelos para este tipo de enerxía e analizar así mesmo o impacto de proxectos agresivos, como o da macroplanta de Soandres na Laracha, contra os que se están mobilizando a veciñanza.
A responsable nacional da Área de Organización do BNG, Lucía López, abriu o debate reivindicando a capacidade de Galiza para decidir sobre os seus recursos e para poñer os beneficios que xeran ao servizo do País e do benestar dos galegos e as galegas, cunha economía capaz de crear tecido produtivo, emprego e riqueza respectando o territorio.
“Galiza non pode seguir sendo unha terra de sacrificio ao servizo de decisións que se toman fóra”, advertiu, criticando así o modelo de espolio que promove o Goberno do PP, que leva os beneficios fóra do País e deixa que sexan “intereses económicos particulares e alleos os que determinen o futuro de Galiza”.
Nun momento no que o debate sobre futuros modelos enerxéticos está sendo especialmente relevante, incluído o do biogás, o BNG aposta por afrontar as novas oportunidades económicas para fortalecer o País e non para reproducir as relacións de dependencia, subliñou Lucía López. “E por iso a idea de soberanía ten tanta importancia, non como unha formulación abstracta, senón como unha necesidade práctica”, engadiu.
Destacou, neste punto, que o debate do biogás, que está xerando polémica e preocupación en varios concellos galegos, ten unha dimensión territorial evidente, avogando neste punto por pensar en modelos de explotación de recursos “que teñan unha relación real co territorio e coa actividade que xera eses recursos”.
“Temos que preguntarnos como podemos facer que estas novas posibilidades contribúan a fortalecer o sector primario, o medio rural e o tecido produtivo existente, en lugar de limitarse a crear novas actividades económicas desconectadas das necesidades e das potencialidades do País”, asegurou a responsable nacional da Área de Organización do BNG, que compartiu a apertura das xornadas coa portavoz municipal da Laracha, Carolina Castiñeiras.
Como afrontar a implantación de plantas de biogás desde o coñecemento e a rigorosidade foi precisamente o obxectivo do encontro organizado polo BNG, que arrancou cunha mesa redonda sobre A defensa do territorio: activismo fronte a proxectos de biogás, moderada pola profesora María Rei Vilas, coa participación de representantes de Stop Biogás A Laracha; Lugo non quere cheiros; Stop Biogás Agolada e Daniel López, de Adega.
A xornada, que se celebrou ao longo da mañá deste sábado 26 de setembro na Casa da Cultura de Laracha, inclúe unha segunda mesa redonda que leva por título Modelos de desenvolvemento do biogás, na que está previsto que actúen como como poñentes Xurxo López, de Enova Enerxía; Montse Valcárcel, catedrática de hidroloxía e deputada do BNG; Manuel Soto, de Adega; Manuel Casal, da Fruga. Moderará esta mesa Xosé Manuel Golpe, portavoz parlamentario do BNG en materia de enerxía.
