A Universidade da Coruña (UDC), a través do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC), participa no proxecto europeo TiBeRIUM, unha iniciativa financiada pola Comisión Europea destinada a impulsar novas capacidades tecnolóxicas e estratéxicas para o fortalecemento da defensa europea.
O proxecto, concedido pola Comisión Europea en xaneiro deste ano, celebrou esta semana a súa Kick-off Meeting, encontro que marca oficialmente o inicio dos traballos do consorcio internacional responsable do seu desenvolvemento.
TiBeRIUM está liderado pola Universidade Alemá da Minaría de Freiberg, e reúne a entidades académicas, tecnolóxicas e industriais de distintos países europeos co obxectivo de realizar investigación aplicada e desenvolver solucións innovadoras orientadas a mellorar a resiliencia, a seguridade e as capacidades operativas no ámbito da extracción de materias primas de utilidade no desenvolvemento tecnolóxico avanzado e a cooperación interdisciplinar entre institucións europeas.
A participación da UDC canalízase a través do CITEEC, centro de referencia en investigación e innovación tecnolóxica, que achegará a súa experiencia en análise do comportamento humano, sustentabilidade e desenvolvemento de solucións tecnolóxicas aplicadas a contornas complexas e de alta esixencia.
O equipo da Universidade da Coruña dentro do proxecto está liderado polo Catedrático Dr. Ricardo García Mira, referente internacional en psicoloxía social e ambiental aplicada, cuxa traxectoria investigadora estivo estreitamente vinculada ao estudo da interacción entre as persoas, a tecnoloxía e a contorna.
O seu liderado permitirá reforzar a contribución da UDC en ámbitos relacionados co factor humano, a toma de decisións e a adaptación das solucións tecnolóxicas a contextos operativos complexos. Na reunión participaron tamén o Profesor Fernando Bruna, da Facultade de CC. Económicas, e a Dra. Nailya Saifulina da Universidade de Santiago de Compostela, ambos os dous investigadores do ECOBAS.
Con esta participación, a Universidade da Coruña consolida a súa presenza en proxectos estratéxicos europeos de alto impacto e reafirma o seu compromiso coa investigación colaborativa, a innovación e a transferencia de coñecemento ao servizo dos grandes retos da sociedade europea.