A medida adóptase pola previsión de chuvias de nivel laranxa no interior de Pontevedra e amarelo en gran parte da comunidade.
Esta fase implica labores permanentes de seguimento, control e observación sobre a evolución dos caudais e as precipitacións.
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia vén de activar o Plan Especial para o risco de inundacións en Galicia (Inungal) en fase de preemerxencia, ante a previsión de fenómenos meteorolóxicos adversos por precipitacións que afectarán a boa parte do territorio galego.
A activación deste nivel implica o establecemento de medidas preventivas centradas no seguimento, control e observación continua da evolución meteorolóxica e hidrolóxica, co obxectivo de anticiparse a posibles crecidas nos cursos fluviais e avaliar en tempo real calquera risco para a poboación ou os bens.
A decisión adóptase tras os avisos emitidos polos organismos meteorolóxicos, que establecen o nivel laranxa por chuvias no interior da provincia de Pontevedra e o nivel amarelo en gran parte da comunidade.
A través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, xa se trasladou este aviso por avenidas aos concellos e organismos implicados para que adopten as precaucións necesarias e manteñan preparados os seus medios e recursos dispoñibles.
Recomendacións e seguimento
Ante esta situación, recoméndase á poboación extremar as precaucións, especialmente nas proximidades de ríos e zonas inundables, evitando cruzar áreas anegadas tanto a pé como en vehículo e mantendo limpos os sistemas de drenaxe e sumidoiros nas vivendas.
