- A formación nacionalista insiste na necesidade de acometer actuacións en saneamento, seguridade viaria e mellora das infraestruturas municipais, ao tempo que reclama a execución dos investimentos pendentes de anos anteriores
O BNG de Vimianzo trasladou á alcaldesa, Mónica Rodríguez, unha serie de propostas de investimento para a súa inclusión nos orzamentos municipais de 2027, durante a reunión mantida este xoves entre a rexedora e os portavoces dos grupos políticos da corporación municipal.
Entre as actuacións propostas, o grupo nacionalista volveu insistir, por segundo ano consecutivo, na necesidade de dotar de beirarrúas e saneamento os lugares do Campo e Bamiro, así como de ampliar a rede de saneamento na parroquia de Serramo.
No apartado de infraestruturas viarias, o BNG reclamou novamente o arranxo da estrada que comunica A Areosa con Reboredo, cuxo estado de deterioración fai necesaria unha intervención, así como a mellora da ponte de Quitiande, na parroquia de Serramo.
