A Xunta impulsa en Mazaricos a divulgación do oficio dos zoqueiros dentro do proxecto ‘Artesanía na Escola’

2 minutes read

A artesá Elena Ferro realizou este martes no CEIP Víctor Sáenz de San Cosme de Antes, en Mazaricos, unha demostración do seu oficio, no marco do proxecto Artesanía na Escola, impulsado pola Fundación Artesanía de Galicia, e como complemento á unidade didáctica Eu son zoqueira, na que estiveron traballando os nenos e nenas dese centro educativo.

Artesanía na escola é un programa de divulgación promovido pola Xunta de Galicia desde o ano 2023 dirixido a achegarlle os oficios artesanais e os valores da artesanía aos nenos e nenas de colexios de toda Galicia. Entre os seus obxectivos están o de divulgar os oficios artesanais que son patrimonio cultural e tamén sector económico; poñer en valor o produto feito á man e do profesional da artesanía como creador e como transmisor de coñecementos; divulgar os vellos saberes e amosar os novos oficios vinculados a unha artesanía máis contemporánea; transmitir os valores da artesanía vinculados a un consumo responsable, á produción local e sustentable e á economía circular; e por último, a longo prazo, atallar a remuda xeracional nos oficios artesanais.

Eu son zoqueira, é a primeira das unidades didácticas do proxecto Artesanía na Escola e está dedicada ao oficio da elaboración deste calzado tradicional galego, os zocos de madeira, a través da figura de Elena Ferro, responsable do taller Eferro (Merza, Vila de Cruces), un obradoiro familiar activo desde o ano 1915 e que veu recoñecida a súa traxectoria co Premio Nacional de Artesanía no ano 2019.  Elena Ferro destaca por actualizar este calzado e darlle un novo uso incorporándoo á moda contemporánea.

O proxecto Artesanía na Escola conta con dúas unidades didácticas máis: Eu son artesán de percusión tradicional, centrada na historia e na elaboración dun dos instrumentos máis tradicionais de Galicia, a pandeireta, a través da figura de Xosé Manuel Sanín, do obradoiro Sanín Percusión Tradicional (Santiago de Compostela); e Eu son artesán de figuras de pan, centrada na elaboración dos tradicionais amuletos de miga de pan típicas de Santo André de Teixido (Cedeira), a través do artesán Jorge Bellón (Cedeira).