A Xunta incorporará a partir do mércores 30 de setembro dúas novas paradas de autobús en Traba de Laxe

1 minutes read

As paradas estarán situadas nos lugares de Mórdomo e Matío e formarán parte da liña IES Maximino Romero de Lema-Ponteceso. Deste xeito, esta liña pasará a dar servizo tamén á veciñanza de Traba.

Con esta actuación, a Xunta facilita que o alumnado de ensino non obrigatorio da parroquia se desprace ao IES Maximino Romero de Lema, en Vimianzo, polo que os horarios da liña están deseñados para atender esta demanda. De luns a venres hai un servizo de ida pola mañá, con chegada antes do inicio das clases, e outro de volta ao remate da xornada, con saída do instituto ás 14.20 horas. Os luns, a liña conta ademais con dous servizos adicionais para cubrir as clases da tarde.

A Xunta tomou esta decisión despois das conversas mantidas co Concello de Laxe sobre as necesidades de mobilidade da parroquia. Tras estas conversas, a Xunta realizou unha análise técnica xunto coa empresa operadora, o que permitiu concretar a incorporación das dúas paradas ao itinerario da liña.

As persoas usuarias deste servizo poderán beneficiarse das bonificacións e descontos ofrecidos pola Xunta de Galicia, incluída a Tarxeta Xente Nova, que permite aos menores de 21 anos realizar ata 60 viaxes de balde ao mes en toda a rede de transporte autonómico por estrada.

Os horarios e o itinerario completo da liña poden consultarse nos sitios web bus.gal e mobt.gal así como nas aplicacións de Transporte Público de Galicia e MoBT.