Tras o sinistro deste luns pola mañá no concello do Pino, no que faleceu unha persoa e outras catro resultaron feridas, o 112 Galicia rexistrou un segundo accidente mortal en Oza-Cesuras.
Foi un dos implicados na colisión quen alertou, pouco despois das tres da tarde, a través da súa chamada ao número único de emerxencias e advertía de que se trataba dunha situación grave. Unha persoa resultou falecida e outras dúas sufriron lesións de diversa consideración debido ao choque lateral entre dous vehículos.
Ademais, como consecuencia do impacto, a única vítima mortal do accidente quedou atrapada no interior do vehículo, polo que foi necesaria a intervención dos equipos de excarceración do Parque Comarcal de Bombeiros de Betanzos e do GES de Curtis.
Pola súa parte, os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 organizaron a resposta asistencial en función dunha dotación a bordo do helicóptero medicalizado con base en Ourense, que se ocupou do traslado dun dos feridos, o máis grave dos dous. En canto á outra persoa lesionada, dicir que as feridas que presentaba apenas revestían gravidade.
A maiores dos equipos de rescate a atención sanitaria, participaron os axentes da Garda Civil de Tráfico e o persoal de limpeza e mantemento da vía. Cómpre sinalar que o sinistro localizouse na AC-230, na confluencia coa DP-3202, en Rodeiro, Oza Cesuras.
Como avanzamos, había dous turismo implicados na colisión, que se produciu de forma lateral e que afectou a tres persoas, dúas viaxaban nunha vehículo e outra no outro. Precisamente, a persoa que circulaba soa resultou falecida.