Aparece o cadáver dun home durante a extinción dun incendio nun cuberto na Baña

1 minutes read

Os Bombeiros de Santa Comba atoparon o cadáver dun home cando comezaban coas labores de extinción dun incendio, que preto das catro da madrugada deste luns inicouse nun cuberto anexo a unha vivenda situada no Sino, no concello coruñés da Baña. Alí o lume destruíu un alpendre que outrora foi unha carpintaría.

Segundo explicaron os veciños a través das súas chamadas ao 112 Galicia, nesa casa habitaban unha nai co seu fillo. A señora estaba fóra da vivenda, pero non así o fillo, que aínda non fora localizado.

Máis tarde, o equipo de extinción atopou o corpo sen vida dun home no interior do cuberto en chamas. O lume queimou todo o interior, onde aínda gardaban maquinaria propia da carpintaría que foi. Ademais, colapsou o teito sen que a vivenda lindeira sufrise danos.

A maiores dos bombeiros, desde o 112 Galicia, solicitouse a asistencia de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, pois a muller necesitou axuda médica.

Tamén acudiron os axentes da Garda Civil.