Comezaron os traballos de ampliación das instalacións da Escola Infantil “Os Pillabáns”. Esta obra responde ao incremento constante de matriculacións e as previsións á alza de crecemento de poboación. Onte desprazáronse ata alí o alcalde, Juan Manuel Rodríguez, e os concelleiros Francisco Abuín, Cristina Capelán e Catrina Queijo.
Cabe destacar, como sinalou o alcalde, que Cerceda é un dos municipios que máis medrou o último ano segundo datos do Instituto Nacional de Estatística e que está rexistrando un bo número de nacementos cada ano (máis de 30 nos anos 2023 e 2024), sendo esta unha actuación prevista polo goberno local para o período 2023- 2027.
Para a culminación deste proxecto, que conta cun orzamento de arredor de 183.000 euros, empregarase un espazo vacante na marxe sureste do terreo no que se empraza o actual edificio, o cal permitirá executar unha nova aula que se conectará ao edificio existente a través do comedor.
En total, serán 70 metros cadrados aproximadamente os que se engadan á construción e os espazos quedarán totalmente reorganizados, para favorecer un óptimo desenvolvemento de actividades toda vez que se salvagarda a posibilidade de, no caso de aumentar o número de alumnas e alumnos, este espazo estea dotado de servizos para elo.
Melloraranse as condicións de illamento térmico do edificio, así como da humidade. Tamén se instalará unha nova rede de pluviais, que servirá para dotar dunha maior presión ao servizo, así como se contempla tamén a mellora da iluminación tanto interior como exterior.
O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, destacou que o Concello “aporta 103.000 euros, que se suman aos 80.000 obtidos a través dunha subvención da Xunta de Galicia”. Lembrou o bo número de nacementos no municipio nos últimos anos e indicou que, se ben se deben a diversos factores, “algúns motivos son, sen dúbida, o apoio que se presta ás actividades culturais e deportivas, ter un bo servizo de Bos Días Cole, ou as axudas que se dan para a compra de material escolar”.
O rexedor lembrou “todo o apoio que se presta aos colexios públicos de Cerceda, con actuacións que incluso superan as competencias municipais”. Para rematar, fixo fincapé “no investimento que fai o Concello para o mantemento da Escola Infantil, pois aporta 139.000 dos 206.000 euros que custa cada ano, máis do 67%”.