As familias do CEIP Bergantiños continúan mobilizándose para reclamar unha solución estable á falta de capacidade do comedor escolar do centro.
O CEIP Bergantiños conta actualmente con 541 alumnos e alumnas matriculados. Para este curso presentáronse 190 solicitudes de comedor, fronte ás 150 prazas dispoñibles, o que deixa 40 nenos e nenas en lista de espera.
Ante esta situación, as familias prepararon un escrito que será presentado ante a Administración educativa solicitando que se realice unha avaliación técnica das instalacións e se estudien as posibles actuacións para incrementar a capacidade do servizo, incluíndo alternativas de ampliación, reforma, redistribución ou adecuación dos espazos existentes.
As familias consideran, ademais, que calquera solución debe preservar os espazos educativos fundamentais do colexio e solicitan expresamente que a eliminación ou transformación da biblioteca escolar para destinala a comedor non sexa considerada como alternativa.
A reivindicación non cuestiona os criterios de adxudicación das prazas existentes. O obxectivo é conseguir unha solución estrutural que permita adaptar o comedor ás necesidades actuais do centro e evitar que a falta de prazas se repita curso tras curso.
Paralelamente, púxose en marcha unha recollida de sinaturas a través de Change.org e creouse o perfil nas redes sociais “Comedor para Todos Bergantiños”, desde o que se dará conta dos avances da iniciativa e das actuacións que vaian realizando as familias.
“Non queremos que a falta de espazo sexa o final da resposta, senón o punto de partida para buscar unha solución.”
As familias solicitan que a situación sexa estudada de maneira específica e que se estableza unha planificación a medio e longo prazo que permita ofrecer un servizo de comedor acorde coa demanda real do CEIP Bergantiños.
