Neste sentido, este xoves, tivo lugar a sinatura do convenio entre o Concello de Cerceda e a Deputación da Coruña para cofinanciar as obras de renovación do céspede artificial do campo anexo ao Roxo, que teñen un orzamento de arredor de 313.000 euros, dos cales a Deputación achegará 250.000.
Deste xeito, o campo de fútbol anexo ao Roxo mudará o seu céspede artificial, actualmente deteriorado polo uso continuado e o paso do tempo. Esta mellora, que suporá un salto cualitativo na calidade das instalacións, beneficiará a centos de deportistas locais que utilizan o campo para partidos e adestramentos, garantindo unha superficie segura, moderna e adaptada ás esixencias actuais do deporte.
Esta actuación complétase co recente cambio das luminarias no mesmo recinto, xa executado, que permitiu dotar o campo dunha iluminación máis eficiente e potente, facilitando o seu uso en horario nocturno e reducindo ao mesmo tempo o consumo enerxético.
Este esforzo engádese á importante obra que se está a desenvolver no campo do Outeiro, na Silva, e á intervención prevista en Rodís, nun conxunto de proxectos que deixará a práctica totalidade das infraestruturas futbolísticas do municipio plenamente renovadas.
O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, sinalou que “este é o mandato dos investimentos nas instalacións futbolísticas. Isto persegue un obxectivo: ter unhas instalacións en boas condicións para a primeira metade do século XXI. Ao que me refiro con isto é que nos próximos anos teremos que encargarnos principalmente do mantemento, non de reformas, pois xa estarán acometidas”.
Rodríguez destacou que “é unha das instalacións deportivas máis importantes de Cerceda, pois é un lugar de adestramento de moitos equipos. Ademais, completa a gran oferta deportiva do Roxo, co pádel, o campo de herba natural e o campo de fútbol sete”.
O rexedor cercedense aproveitou a ocasión para agradecer ao presidente provincial “a gran axuda que a Deputación lle brinda ao Concello de Cerceda, que se exemplifica con esta actuación, pero que está presente en moitas outras, como as obras financiadas a través do Plan Único”.