O Concello de Coristanco acollerá durante este mes de outubro dúas xornadas de divulgación, prevención e concienciación sobre a hipertensión arterial e a diabetes, nas que a veciñanza poderá realizar de maneira gratuíta controis da tensión arterial e dos niveis de glicemia.
As xornadas terán lugar os mércores 7 e 21 de outubro, en horario de 10.00 a 12.00 horas, nun punto habilitado fronte á Casa da Cultura de Coristanco, ao carón do Centro de Saúde, unha localización escollida pola súa accesibilidade e visibilidade, así como pola proximidade a diferentes servizos de uso habitual por parte da veciñanza.
A iniciativa está desenvolvida polo alumnado da especialidade de Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais do Obradoiro Dual de Emprego Lubiáns II, promovido conxuntamente polos concellos de Coristanco e Carballo.
Durante as dúas xornadas, as persoas que se acheguen poderán realizar un control gratuíto da tensión arterial e dos niveis de glicemia, ao tempo que recibirán información orientada á prevención e á importancia de incorporar hábitos saudables e controis periódicos á vida cotiá.
Unha acción de prevención aberta a toda a veciñanza
A proposta busca achegar á poboación ferramentas sinxelas que contribúan á prevención e á detección de posibles alteracións relacionadas coa hipertensión e cos niveis de glicosa, ao tempo que se promove unha maior concienciación sobre a importancia do seguimento periódico destes parámetros.
Non será necesaria inscrición previa. As persoas interesadas poderán achegarse directamente ao punto habilitado durante o horario establecido.
No caso de que as condicións meteorolóxicas non permitan desenvolver a actividade no exterior, as medicións trasladaranse a un espazo interior habilitado na Casa da Cultura, mantendo tanto as datas como o horario previstos.
Outubro marca tamén o inicio do programa municipal Vive+
A celebración destas xornadas coincide ademais co inicio durante o mes de outubro de VIVE+, o programa municipal de envellecemento activo do Concello de Coristanco, unha iniciativa coa que se busca promover un modelo de envellecemento activo, saudable, autónomo e participativo.
VIVE+ desenvolverá unha programación multidisciplinar dirixida a favorecer o benestar integral das persoas maiores, abordando diferentes ámbitos relacionados coa saúde física, emocional, cognitiva e social.
Ao longo das sesións traballaranse áreas como o exercicio físico adaptado e a hixiene postural; a nutrición e os hábitos saudables; a memoria e a estimulación cognitiva; o benestar emocional e o autocoidado; a creatividade e a expresión; e a convivencia e a participación social.
O programa pretende ir máis alá da realización de actividades puntuais e crear un espazo estable de encontro, aprendizaxe e socialización no que as persoas participantes poidan adquirir ferramentas útiles para a súa vida diaria, manterse activas e reforzar as relacións sociais. Neste contexto, as xornadas gratuítas de control da tensión arterial e da glicemia complementan a filosofía de VIVE+, incorporando durante outubro novas accións de prevención e sensibilización sobre a importancia do coidado e seguimento da saúde.
