Pasados uns minutos da medianoite deste venres, un particular alertou ao 112 Galicia de que un coche acabara sobre o tellado do alpendre dunha vivenda situada á altura do quilómetro 4 da DP-0513, en Arteixo. Os dous ocupantes do vehículo xa estaban fóra, aínda que precisaban asistencia sanitaria. O condutor, de 22 anos, deu positivo na proba de alcolemia.
Ata o lugar desprazáronse efectivos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico, dos Bombeiros de Carballo, do Servizo Municipal de Protección Civil de Arteixo e voluntarios de Protección Civil da Laracha, así como os servizos de mantemento da estrada.
Os servizos de emerxencias estabilizaron o vehículo e preparárono para a súa retirada. Segundo explicaron, o coche saíu da vía e atravesou unha zona de leiras antes de percorrer varios metros polo aire e acabar sobre o tellado do alpendre.
