O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, felicitou este martes aos escolares galardoados nos premios Nós Tamén Creamos 2025-2026 aos que se referiu coma “os grandes artífices desta gran festa ao redor da lingua, do audiovisual e a literatura galegas”. Fíxoo na entrega de premios ás mellores curtametraxes do certame impulsado polas Consellerías de Cultura, Lingua e Xuventude e de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para promover o uso da lingua galega a través de curtas de animación.
Neste marco, o responsable de Lingua do Goberno galego, acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, agradeceu o esforzo de todo o alumnado dos 18 centros participantes e gabou o seu enorme talento e creatividade. “Os proxectos presentados amosan unha gran calidade e unha enorme capacidade dos máis novos de crear e divertirse en lingua galega”, apuntou o conselleiro antes de poñer en valor o labor do profesorado e dos equipos de dinamización lingüística “vitais na transmisión do entusiasmo pola defensa e promoción da lingua”.
En total foron galardoados oito centros educativos. En concreto, no 2º ciclo de Educación Infantil resultaron gañadores o Colexio Princesa de España, de Verín (Ourense), e o accésit foi para o Colexio Ponte Carreira de Frades, de A Coruña. Pola súa banda, no nivel de 1º e 2º de Educación Primaria, foi galardoado o Colexio Celso Emilio Ferreiro, de Cerceda (A Coruña), e o Colexio de Guillarei de Tui (Pontevedra) recolleu o accésit, mentres que na categoría de 3º e 4º de Primaria levou o premio o Colexio de Zalaeta, da Coruña, e o accésit foi para o Colexio O Vicedo, do Vicedo (Lugo). Finalmente, na categoría de 5º e 6º de Primaria resultou gañador o Colexio de Viñagrande-Deiro, de Vilanova de Arousa (Pontevedra), e o accésit foi para o Colexio do Feal de Narón (A Coruña).
Todas as curtas premiadas e as do resto dos centros escolares participantes poderanse visualizar no Portal da Lingua Galega, na súa canle de Youtube e, ademais, na sección infantil e na aplicación Xabarín da Compañía de Radio-Televisión de Galicia.