A Xunta de Galicia ten en fase de licitación a execución do proxecto de humanización e dotación de infraestruturas na contorna do CEIP Otero Pedrayo, que conta cun orzamento superior aos 411.000 euros e permitirá transformar e mellorar de maneira integral este espazo situado nas inmediacións do principal centro educativo do termo municipal da Laracha. As obras están incluídas no Plan Hurbe mediante un convenio de colaboración polo que a Administración autonómica asumirá o 70 % do financiamento, mentres que o Concello da Laracha achegará o 30 % restante.
O prazo de presentación de ofertas para as empresas que desexen optar a resultar adxudicatarias da execución do proxecto remata o luns ás 14:00 horas. Toda a documentación está dispoñible na plataforma Contratos Públicos de Galicia (CPG).
Un dos elementos principais do proxecto será a creación dun novo acceso ao colexio e aparcamento para autobuses escolares e vehículos particulares sobre unha superficie aproximada de 6.000 metros cadrados que son de titularidade municipal. Esa nova zona disporá de prazas adaptadas e espazos específicos para motos e bicicletas. Isto permitirá facer máis seguro o entorno do centro de ensino ao facilitar as manobras dos autobuses e ofrecer espazos de estacionamento para particulares máis amplos e cómodos.
Ese novo acceso e aparcamento estará acompañado dunha zona verde, espazos peonís con beirarrúas e unha senda que permitirá ordenar os percorridos a pé e mellorar a conexión entre os diferentes puntos da contorna escolar. O deseño da actuación prioriza a mobilidade peonil e a accesibilidade a pé para o alumnado, as familias e o persoal do centro educativo.
O proxecto tamén contempla a mellora da rede de recollida e evacuación de pluviais, incorporando solucións que permitirán aproveitar parte desas augas para a zona verde.
Outro dos elementos que se renovará será o alumeado público coa instalación de novas luminarias de tecnoloxía LED na área de actuación. O sistema permitirá adaptar o funcionamento da iluminación ás necesidades de cada momento e favorecer un consumo enerxético máis eficiente. A actuación completarase coa instalación de mobiliario urbano e a preinstalación para telecomunicacións.
As obras tamén permitirán avanzar na configuración futura das rúas José Añón Canedo, María Mariño e Urbano Lugrís. Desta maneira, as novas infraestruturas obxecto deste proxecto quedarán dimensionadas e preparadas para integrarse coas futuras melloras previstas nesas vías de acceso ao colexio.
A intervención suporá, en definitiva, unha transformación integral deste espazo vinculado ao CEIP Otero Pedrayo cunha actuación de especial relevancia ao dar resposta ás necesidades xeradas pola actividade diaria do centro e configurar un ámbito máis seguro, accesible, ordenado e funcional para a comunidade educativa e para o conxunto da veciñanza.
