Preto de 200 alumnos e alumnas de segundo curso da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña participaron en Carballo na primeira xornada de traballo do proxecto académico que desenvolverán durante os dous próximos cursos arredor do ámbito de Pedra do Sal-Baldaio.
A visita supón o arranque práctico da colaboración entre o Concello de Carballo e a Escola de Arquitectura da UDC, que converterá este espazo litoral nun territorio de estudo para a materia de Proxectos Arquitectónicos. O alumnado analizará as características urbanísticas, paisaxísticas e ambientais da zona e, a partir dese coñecemento, elaborará diferentes propostas de intervención.
A xornada comezou na planta alta do mercado municipal, onde o grupo foi recibido polo alcalde, Daniel Pérez, e polo concelleiro de Planificación Urbana, Juan Seoane, mentres que o arquitecto municipal, Alfredo Garrote, foi o encargado de explicar ao alumnado o contido, os condicionantes e os principais obxectivos do Plan Especial de Pedra do Sal.
Garrote realizou unha introdución ao ámbito e ao propio planeamento, e explicou as características do territorio sobre o que traballarán os e as estudantes e as claves que deben terse en conta á hora de abordar calquera proposta nun espazo no que conflúen a realidade residencial, a paisaxe litoral e importantes valores ambientais.
Tras esta primeira aproximación técnica, o alumnado continuará o traballo sobre o propio territorio, analizando a paisaxe, os asentamentos, os espazos públicos, os accesos, a mobilidade e a relación entre o núcleo e o litoral.
Ao longo dos dous próximos cursos académicos, os diferentes grupos da materia de Proxectos Arquitectónicos desenvolverán exercicios e propostas arredor de Pedra do Sal-Baldaio. A iniciativa permitirá que case 200 futuros arquitectos e arquitectas estuden desde perspectivas diferentes un dos espazos máis singulares de Carballo.
Os traballos terán carácter académico, pero ofrecerán ao Concello unha ampla variedade de ideas e reflexións sobre o futuro deste ámbito e sobre cuestións relacionadas coa integración na paisaxe, o espazo público, a mobilidade, os equipamentos ou a relación entre os núcleos e o litoral.
O alcalde, Daniel Pérez, destacou precisamente o interese de abrir o territorio á mirada da Universidade e do alumnado de Arquitectura, tanto pola oportunidade formativa que supón traballar sobre unha realidade concreta como pola posibilidade de que o Concello poida coñecer, ao longo destes dous anos, novas perspectivas e propostas para Pedra do Sal-Baldaio.
O Concello colaborará coa Escola de Arquitectura facilitando a documentación e a información técnica necesaria e participando nas diferentes fases do proceso, que incluirá novas visitas e sesións de traballo.
