O 112 Galicia recibiu o aviso por mor do incendio de Vigo uns minutos despois das 14:00 horas deste sábado. Segundo indicou o particular que empregou o número único de emerxencias, prendéralle lume no aceite dunha tixola, aínda que xa o tiñan case apagado. Porén, inhalaran algo de fume.
Con estes datos, os xestores do 112 Galicia informaron ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Vigo e á Policía Nacional.
Trala súa chegada, a dotación de bombeiros indicou que o lume fora xa case sufocado polos particulares da casa, de forma que ardeu a campá extractora e víronse afectados os mobles máis próximos. Ademais, foi preciso trasladar a dúas persoas ata o hospital logo de que inhalasen fume durante o incidente.
No suceso da Coruña o incendio comezou arredor das 16:00 horas deste sábado, nun piso situado na Praza de Esteban Lareo Castro. Segundo varios particulares que contactaron co 112 Galicia, escoitábanse berros e víase saír fume desde a ventá dun edificio. Con estes datos, desde o CIAE 112 Galicia informouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros da Coruña e á Policía Nacional e á Local. Logo da súa intervención, os bombeiros indicaron que ardera unha campá extractora e unha tixola, así como parte do mobiliario da cociña. Ademais, foi preciso evacuar a unha persoa ata o hospital por inhalación de fume.
