O alumnado do CEIP San Vicenzo decora as cristaleiras dos establecementos comerciais con debuxos inspirados na Costa da Morte, coa colaboración das artistas Nerea, de Castelo, e Carmen, de Cariño. Unha proposta que conecta arte, educación e comercio local e achega a cultura ás rúas da vila.
No marco do Vimindie, Festival de Autoedición e Cultura Independente da Costa da Morte, que celebrará a súa primeira edición os días 29, 30 e 31 de outubro na Casa da Cultura de Vimianzo, a Asociación Cultural Airexa impulsa esta iniciativa de intervención artística no comercio local, coordinada por Raquel Gerpe.
O evento acollerá charlas sobre a oferta formativa e de estudos artísticos superiores da EASD Pablo Picasso da Coruña e un encontro con exalumnos deste centro artístico, completarase cunha conferencia sobre prevención do ciberbullying dirixida á alumnado e profesorado.
Tamén haberá unha charla titulada ‘Mamá, de maior quero ser artista’; a presentación das novidades da terceira edición de Pontefriki, na Ponte do Porto. Ademáis, autores locais contarán a súa experiencia, haberá unha sesión vermú e a presentación da obra teatral ‘A historia vaxenial’ a cargo de Raquel Nogueira, así como micro aberto para música e poesía en vivo.
